A Feira do Libro medra e aséntase como cita obrigatoria na axenda de verán

O concelleiro de Cultura e Lingua, Fernando Groba, fai un balance positivo da terceira edición da feira do libro de Ponteareas na que abriron os seus stands oito librarias e unha editorial e pola que pasaron as e os escritores galegos máis salientables deste último ano.

Grazas á feira do libro os e as ponteareás puideron conversar con escritores como Raquel Castro, Beto Luaces, Isabel Blanco, María Soliño, Luís Vallecillo, Manuel Esteban, Diego Giráldez, Anna R. Figueirido, Elena Gallego, Arantza Portabales, Alberte Momán, Iolanda Zúñiga, Clara do Roxo ou Xoán Curiel.

Presentacións, sinaturas de libros, concertos, obradoiros, charlas sobre autismo da man de Familias Azuis, a convivencia lingüística do alumnado ponteareá a través do ERASMUS+ e descontos en todos os libros foron os ingredientes que fixeron que esta feira medre e se asente atraendo, cada ano, a un público máis amplo.

Fomentar a lectura e espertar a curiosidade polo mundo das letras en todos os seus formatos son algúns dos obxectivos da Feira do Libro de Ponteareas que se organiza en colaboración coa Federación de Libreiros de Galicia e que este ano contou coa colaboración especial do pregoeiro, Roi Vidal Ponte, dramaturgo e escritor.

Fernando Groba agradece a todos os participantes a súa colaboración e salienta desta edición a interacción que se producíu entre escritores, lectores e os libreiros e libreiras.

,