A cidadanía toma as rúas de Ponteareas co “Paseo de Jane”

A Concellería de Benestar Social, Mocidade e Igualdade que dirixe Verónica Carrera organiza a actividade “Paseo de Jane”, un novidoso roteiro polo centro urbano organizado pola oficina de voluntariado xuvenil e que terá lugar este xoves 30 de agosto.

O punto de partida é o concello ás 10 horas para rematar na Praza Maior ás 13 horas. 

O grupo de voluntariado xuvenil municipal convida a toda a veciñanza e a quen queira coñecer Ponteareas desde outro punto de vista a participar neste paseo deseñado pola urbanista Jane Jacobs, que xa se ten levado a cabo en moitas cidades e vilas do mundo. Este roteiro participado, accesible e aberto a todo o mundo que queira sumarse terá cinco paradas nas que se desenvolverán diferentes actividades de dinamización con 

perspectiva feminista: bosquexo urbano, barómetro, mapa perceptivo e ocupa o espazo.

O roteiro está aberto a todas as idades, dende os máis pequenos e pequenas aos maiores. Os voluntarios de Voltea e a formadora do “Paseo de Jane” convidan a toda a veciñanza a mergullarse nesta iniciativa divertida e entretida na que traballar en equipo e superar pequenos retos en grupo.

Verónica Carrera explica que esta é a primeira vez que se desenvolve esta actividade no concello de Ponteareas e na comarca facendo das cidades e dos espazos públicos, lugares para o encontro das persoas. Na liña da estratexia “Ponteareas, hábitat saudable” o paseo de Jane de Ponteareas reivindicará a necesidade de que as rúas sexan espazos para a convivencia.

Para maior información contactar co enderezo electrónico 

axenteigualdade@ponteareas.gal ou no teléfono 986 644 653. Tamén se pode consultar o blog paseodejaneponteareas@wordpress.com no que se está dispoñible toda a información sobre esta actividade e o seu desenvolvemento.