Ponteareas selecciona a contratación dunha nova orientadora laboral

Ponteareas ven de convocar a selección dun/ha técnico/a orientador/a laboral por un prazo de doce meses, as solicitudes poden presentarse ata o vindeiro venres, 31 de agosto.

O Concello de Ponteareas ten contado nos últimos anos cunha orientadora laboral, subvencionada pola Consellería de Economía, Emprego e Industria. 

Na convocatoria do presente ano, o alcalde, Xosé Represas argumentou a necesidade de reforzar este servizo pola alta taxa de paro de Ponteareas e para satisfacer a demanda das persoas en desemprego así como polo necesidade de dar un novo pulo a este servizo.

O alcalde, como responsable desta área fixase como obxectivo chegar a todas as persoas en desemprego na labor de información, orientación e asesoramento así como facilitar todas as medidas para a súa inserción laboral, intermediando co tecido empresarial e comercial para coñecer mellor as súas necesidades de profesións demandadas. Esta inciativa enmárcase nas medidas postas en marcha polo actual goberno municipal para incrementar a actividade económica e favorecer a creación de emprego.

As bases para o proceso de selección poden consultarse na páxina web municipal www.ponteareas.gal

Os orientadores laborais son técnicos que realizan accións para fomentar o emprego e o autoemprego, co obxectivo de mellorar a posibilidade de ocupación das persoas que demandan un posto de traballo.