Ponteareas recibe a visita dunha unidade móbil de doazón de sangue o vindeiro 17 de outubro

As persoas interesadas en acudir a doar poden pedir cita previa no teléfono gratuíto 900 100 828

Ponteareas recibe a visita dunha unidade móbil de doazón de sangue o vindeiro 17 de outubroPonteareas acolle a vindeira semana unha nova xornada de doazón de sangue. A Concellaría de Saúde, que dirixe a alcaldesa Cristina Fernández Davila, informa que unha unidade móbil da Axencia de Doazón de Órganos e Sangue visitará a vila o vindeiro luns 17 de outubro para todas aquelas persoas que desexen achegar a súa pinga de solidariedade.  

O autobús estará situado na Avenida de Galiza en horario mañá e tarde, de 10.00 a 14.30 e de 16.00 a 21.00 horas. A rexedora anima a toda a veciñanza a colaborar con esta campaña solidaria. Mentres, pola súa banda, dende a Axencia de Doazón de Órganos e Sangue recoméndase pedir cita previa chamando ao teléfono gratuíto 900 100 828.

Dende a Axencia lembran que poden doar sangue toda as persoas maiores de 18 anos e cun peso mínimo de 50 kg e que se recomenda non acudir a doar se nos últimos 15 días se tivo febre, tose ou problemas respiratorios. Para doar sangue hai que almorzar e despois de xantar esperar 2 horas. Ademais, é importante levar a tarxeta de doazón, o DNI ou documento similar e informar ao médico de que se está a tomar algún medicamento.

Cada día a Axencia despraza 10 unidades móbiles e mantén abertos sete puntos fixos de doazón nos hospitais galegos, que precisan entre 400 e 500 doazóns de sangue para manter a súa actividade.