Ponteareas e Eixo Atlántico inician unha liña de traballo para mellorar os servizos para a veciñanza

Ponteareas e Eixo Atlántico inician unha liña de traballo para mellorar os servizos para a veciñanza

A alcaldesa mantivo este xoves un encontro coa directiva do Eixo Atlántico

O Concello de Ponteareas e o Eixo Atlántico continúan traballando man a man para seguir mellorando non só o municipio, senón a comarca do Condado-Paradanta. Dende a súa integración no Eixo Atlántico a vila do Tea amosouse como un municipio moi dinámico, chegando a converterse a alcaldesa, Cristina Fernández Davila, na presidenta do grupo de traballo de Sustentabilidade Urbana da entidade transfronteiriza. A rexedora mantivo hoxe un encontro co Secretario Xeral, Xoán Vázquez Mao, e parte da directiva para iniciar unha nova liña de traballo na que se estudarán os posíbeis déficits existentes en diferentes áreas para mellorar os servizos á veciñanza.

O obxectivo é analizar a situación na que se atopan servizos como o saneamento, a mobilidade, o acceso a outras administración, a educación ou a sanidade para establecer medidas que permitan solucionar as eivas atopadas. En función dos resultados acadados con esta análise, Concello e Eixo Atlántico estudarán tamén a mobilidade interna ou a conexión con outras cidades de referencia de Galicia e Portugal.

Este traballo é o primeiro dunha liña que se abre e que, nos vindeiros anos, aplicarase no resto dos servizos aos que ten acceso a veciñanza en Galicia, aproveitando a experiencia e o coñecemento de Portugal, país no que todas estas cuestións están moi ben resoltas a través da participación das Comunidades Intermunicipais.