Xornadas sobre a posta en valor e recuperación da variedade tradicional do “ Pemento de Guláns”, este sábado no Centro Cultural de Guláns

MEDIOSO alcalde do Concello de Ponteareas, Salvador González Solla, acompañado dos concelleiros de Cultura, Andrés Sampedro, e de Comercio, Marisol Valado, xunto con representantes da Asociación Amigos do Pemento de Guláns, presentaron esta mañá no salón de Sesións do concello ponteareán as primeiras Xornadas sobre a posta en valor e recuperación da variedade tradicional do “ Pemento de Guláns”, unhas xornadas que se levarán a cabo o vindeiro sábado, día 20 de setembro, no auditorio do Centro Cultural de Guláns.

Salvador González destacou a importancia do proxecto de recuperación do pemento de Guláns, produto autóctono que quedara relegado ás hortas familiares e que case desaparecera. O Concello de Ponteareas, desde a Concellería de Comercio que dirixe Marisol Valado, leva traballando desde hai tempo no proxecto de recuperación desta variedade de pemento e así o pasado ano solicitou o apoio da Consellería do Medio Rural, quen aprobou o proxecto de “Caracterización e Mellora do Pemento de Guláns”, financiado pola Dirección Xeral de Produción Agropecuaria, así como se levou a cabo a inscrición do pemento de Guláns no Catálogo Nacional de Variedades Comerciais e Protexidas, rexistrándose como variedade protexida. Igualmente o alcalde de Ponteareas quixo agradecer publicamente o entusiasmo amosado polo director do Centro da Estación Experimental Agrícola do Baixo Miño, de Entenza- Salceda de Caselas, Manuel Rivero Leiro, a quen Salvador González agradeceu a súa dedicación para a selección da variedade do pemento de Guláns e sen o cal non sería posible este ambicioso proxecto. O entusiasmo do Concello, da Xunta, do Centro de Estación Experimental Agrícola do Baixo Miño, xunto coa excelente acollida dos veciños da parroquia, que se implicaron desde o primeiro momento, dando lugar á Asociación Amigos do Pemento de Guláns, fixo posible que este proceso estea en marcha para, no paso seguinte, afrontar a producción e comercialización do produto, estando moitas empresas distribuidoras interesadas na súa comercialización, esperado o alcalde que novamente Guláns sexa a “horta de Vigo”. O concello de Ponteareas seguirá apostando para pór en valor os produtos de calidade propios, facendo que teñan a proxección comercial que semerecen, como así se fixo coas rosquillas de Ponteareas, conseguindo a marca de garantía de calidade.
Tras o alcalde, o presidente da Asociación Amigos do Pemento de Guláns, Francisco González Carracedo, agradeceulle ao concello o proxecto iniciado e amosou o interese dos veciños por recuperar esta variedade de pemento puro de Guláns, parroquia tradicionalmente agrícola, recalcando a importancia e posibilidades que a producción do pemento puro de Guláns pode ter para a parroquia e para a xente nova que poida dedicarse a este sector.

As Xornadas sobre a posta en valor e recuperación da variedade tradicional do “Pemento de Guláns”darán comezo ás 10:00 horas, coa inauguración e apertura das mesmas a cargo do alcalde do Concello de Ponteareas, Salvador González para, a continuación, pasar á presentación da Asociación de Amigos do Pemento de Guláns. A partir das 10:30 horas e ata as 13:30 h levaranse a cabo varios relatorios sobre o cultivo e comercialización do pemento de Guláns. O primeiro poñente será Manuel Rivero Leiro, director do Centro da Estación Experimental Agrícola do Baixo Miño, de Entienza-Salceda de Caselas. A continuación intervirán Xosé Manuel Castro Leirachá, Ernesto Sánchez Salgado, Lourdes Enes Fernández e Antonio Rivera Martínez. A partir das 13.30 horas haberá unha mesa redonda para a posta en común das experiencias e ideas. Ao remate, os asistentes poderán degustar o tradicional pemento de Guláns. Para poder participar, os interesados deberán realizar a inscrición no teléfono 986 66 33 29, 667 21 45 21 ou no enderezo electrónico: condadoparadanta@hotmail.com.