O valor dos montes sobre a mesa na Semana das Ciencias

A concellería de Ensino do Concello de Ponteareas, que dirixe Cristina Fernández, e o Alcalde Xosé Represas inauguraron a terceira edición da Semana das Ciencias coa presentación do xogo “Once Torres” de Xabier Prado e mesa redonda “As Mulleres na Ciencia e na Investigación”.

Neste primeiro día adicado á ciencia, o alumnado de Ponteareas visitou o museo das ciencias “Ciencia en Movemento” sorprendéndose con inventos e experimentos  atractivos e interesantes. Os e as visitantes tamén descubriron a parte científica dos trebellos cos que traballamos a diario. O museo científico recibirá visitas durante toda a semana.

Mañá día 10 Juan Picos Martín, director da Escola de Enxeñería Forestal de Pontevedra, falará de como facer produtivos os nosos montes. A posta en valor da fauna dos nosos montes tamén visitará os centros educativos da man do fotógrafo e conservador Daniel Cara que presentará un vídeo compendio das moitas especies que habitan os montes galegos e unha unidade didáctica. Os montes como patrimonio natural e económico é unha das apostas da Semana das Ciencias.

Pola tarde, o profesorado participará no seminario sobre recollida de datos meterolóxicos impartido por Miguel Ángel García, profesro de física premio Nacional de Meteroloxía 2018.

O concurso de fotografía xa ten gañador

Entre as citas da axenda está a exposición fotográfica “Ponteareas e o medio ambiente” que xa ten gañadores resultando primeiro premiado o alumno do CEIP Fermín Bouza Brey, Yerai Lamas Cuña, con “Lixo no Tea” e “Máis lixo no Tea”; segunda premiada Carmen Covelo Méndez alumna do CEIP Feliciano Barrera de Guláns con “Lume nunca Máis” e terceira premiada Alessandra González Campo alumna do CEIP Fermín Bouza Brey coa fotografía “A auga do mencer”.