Un rapaz ponteareán gaña o segundo premio de Eduemprende Idea 2015

O concurso auspiciado pola Consellería de Educación da Xunta de Galicia concedeulle este galardón polo proxecto de empresa Inercia 2.0, o cal presentou xunto a outro compañeiro

 

Adrián Costas foi acompañado pola concelleira de Ensino de Ponteareas, Cristina Fernández

 

IMG-20151023-WA0001Adrián Costas Lorenzo, natural de Ganade, na parroquia ponteareá de Areas, e con 21 anos de idade, vén de poñer a Ponteareas no podio do concurso organizado no marco de Eduemprende Idea 2015, unha iniciativa posta en marcha polas Consellerías de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria e de Economía, Emprego e Industria e que ten como principal obxectivo impulsar o espírito emprendedor entre o alumnado galego.

O xurado deste certame decidiu entregar o segundo premio, na modalidade de ciclo de grao superior en Formación Profesional, a Adrián Costas e a Pablo Sobrino polo seu proxecto de empresa de vehículos de inercia, denominado “Inercia 2.0”. Os alumnos do IES 12 de outubro de Ourense presentaron un plan para crear unha empresa dedicada á fabricación de bicicletas, triciclos e outros medios de transporte para aquelas persoas afeccionadas aos deportes de inercia.

Este recoñecemento vai acompañado dunha dotación económica de 2.000 euros, a incorporación á Rede de Viveiros de Empresa en centros educativos da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, así como o asesoramento do persoal do Instituto Galego de Promoción Económica (IGAPE).

Adrián valorou moi positivamente este premio, pois “a dotación económica vainos permitir realizar unha serie investimentos necesarios para avanzar na posta en marcha da empresa”. Ademais, este novo emprendedor de Ganade, lembrou que “o asesoramento do IGAPE será de moita axuda na tramitación da documentación precisa nos pasos previos á formación da compañía”.

A inclusión na Rede de Viveiros de Empresa “é formidablemente útil porque nos permitirá utilizar un tipo instalacións e de material aos que non teríamos acceso se non estiveramos dentro deste programa”, sinalou o propio Adrián.IMG_20151021_133947499

Cristina Fernández, concelleira de Ensino do Concello de Ponteareas, salientou “a orixinalidade e a creatividade do proxecto, sobre todo tendo en conta a curta idade dos promotores do mesmo”. Fernández acudiu á entrega dos premios acompañando a Adrián, á súa familia e máis a Isabel Amoedo, presidenta da da Federación de Anpas de Condado-Paradanta e Loriña (FANPO), “nunha mostra de apoio que agardo que sexa a primeira doutras moitas no futuro”.

Tanto Adrián Costas como Pablo Sobrino están preparando xa a presentación que realizarán noutro concurso. Trátase do “Galicia Emprende”, cuxo fallo se emitirá o vindeiro 30 de outubro en Santiago de Compostela e que podería supoñer un novo empurrón ao seu soño profesional.