Tres cidades europeas terán o seu oco nas alfombras do Corpus de Ponteareas

Tres cidades europeas terán o seu oco nas alfombras do Corpus de Ponteareas

Xunto coas tradicionais delegacións de La Orotava e Monçao, este ano confeccionarán tapices florais alfombristas da italiana Pietra Ligure

Ponteareas e La Orotava celebran o 40 aniversario da súa irmandade

Dende diferentes recunchos de Europa a Ponteareas. A vila prepárase para levar un ano máis as súas alfombras florais ás rúas sumando novas e novos integrantes que achegarán o seu gran de area a esta Festa de Interese Turístico Internacional. Nesta edición, ademais da tradicional delegación de La Orotava e de Monçao, tamén deixarán a súa pegada nos tramos alfombrados ponteareáns representantes de Pietra Ligure.

A delegación italiana visita por primeira vez o Corpus ponteareán despois de que a Asociación de Alfombristas Ponteareas fora convidada en varias ocasións a participar no Pietra Ligure Infiore, un dos certames máis importantes de Europa de arte efémera polo seu número de participantes e polo tamaño das obras creadas. Esta delegación confeccionará o seu tapiz floral, que será redondo, na Praza Bugallal.

O Corpus Christi 2023 contará tamén coa presenza da delegación tinerfeña de La Orotava, que visitará Ponteareas nun ano moi especial, xa que se celebra o 40 aniversario de irmandade entre as dúas vilas. A súa alfombra presidirá novamente a Praza de Bugallal o vindeiro 11 de xuño.

“É un grande orgullo e emoción recibir un ano máis ás nosas irmás e irmáns de La Orotava, especialmente este ano tan significativo. Unha ocasión que nos brinda a oportunidade de fortalecer aínda máis os lazos que unen as nosas dúas comunidade e de conmemorar catro décadas de amizade, intercambio cultural e colaboración mutua”, como sinalou a alcaldesa, Cristina Fernández.

Como é xa tradición, tamén estará en Ponteareas a delegación de Monçao, reforzando un ano máis os lazos de irmandade coa cidade portuguesa. A rúa Fernández Vega gardará o espazo habitual para a alfombra lusa.

Con estas delegacións convidadas, “cada ano a nosa festa grande convértese nun grande evento no que manter un estreito contacto con outras cidades do mundo nas que as alfombras florais e a arte efémera son un sinal de identidade, como en Ponteareas”, salientou a rexedora.