Represas propón un acordo con Augas de Galicia e Confederación Hidrográfica para solucionar o crónico problema da insuficiencia da depuradora

O director de Augas de Galicia, Roberto Rodríguez, e o alcalde de Ponteareas, Xosé Represas Giráldez, mantiveron unha reunión de traballo durante a que o rexedor lle trasladou ao responsable do organismo de conca o seu interese en dúas actuacións en materia de abastecemento e depuración. 

Concretamente, o alcalde propuxo estender a rede municipal de abastecemento a varias poboacións que actualmente non contan con este servizo municipal. A actuación, que tería segundo as estimacións do concello un custo aproximado de 700.000 euros, permitiría a conexión ao servizo de abastecemento de 1.200 veciños, entre outras, das parroquias de Angoares, Moreira e San Mateo que tiveron problemas de escaseza de auga durante a seca que está a afectar a Galicia agravada pola vaga de lumes do pasado outubro. Ao respecto, o rexedor planteou acadar un acordo de financiamento das obras entre o Concello, a Xunta e a Deputación de Pontevedra.

O obxectivo deste enconcontro era acadar o compromiso de Augas de Galicia para concretar actuacións prioritarias para Ponteareas en abastecemento de auga e por outro lado fixar a folla de ruta para solucionar no menor prazo de tempo posible os problemas xa crónicos da insuficiencia da depuradora existente na Moscadeira, cuestión que o alcalde tamén está tratando coa Confederación Hidrográfica Miño-Sil por requerir o compromiso das tres administracións.

O alcalde tamén lle trasladou ao director de Augas de Galicia a necesidade de ampliar a Estación Depuradora de Augas Residuais (EDAR) existente para dar servizo a 7.000 veciños máis e previr vertidos contaminantes ao río Tea. Esta actuación, segundo explicou o alcalde, podería ser obxecto dun convenio entre Concello, Xunta e Confederación Hidrográfica do Miño Sil, como organismo ao que corresponde a protección do río Tea. 

Pola súa parte, o director de Augas de Galicia comprometeuse a estudar todas as solicitudes municipais e ter en conta as demandas do concello para futuras planificacións. Así, Roberto Rodríguez trasladoulle que analizará con especial atención a súa solicitude en materia de abastecemento ao considerar que esta actuación podería ser útil para garantir o acceso ao servizo municipal á poboación afectada pola seca.