Represas anuncia un Plano para modernizar a administración do Concello

O alcalde cualifica de ineficaz e caótica unha administración na que non existen bases de datos dos expedientes e na que os traballadores carecen de correo electrónico corporativo

concelloO alcalde de Ponteareas, Xosé Represas, anunciou o inicio dos traballos para elaborar un Plano de Modernización da Administración Local de Ponteareas. Segundo o alcalde, “o novo goberno atopouse unha administración municipal desorganizada, lenta, caótica e ineficaz, máis propia do século XIX que do século XXI, que en lugar de resolver os problemas dos cidadáns, en ocasións mesmo lles crea máis dificultades”.

O alcalde atribuíu esta situación “á incompetencia dos gobernos do Partido Popular” que foron incapaces de modernizar a administración e dotala de medios e recursos acordes a un concello da entidade e o do tamaño de Ponteareas.

Represas salientou que no concello “non existen bases de datos que permitan coñecer os expedientes que se tramitan, en que departamento se atopan, en que estado de tramitación están ou que retraso acumulan. Toda esa información simplemente está na cabeza dos traballadores municipais e nas carpetas que se acumulan en despachos e oficinas, moitas veces polo chan”.

O alcalde lamentou que “resulte habitual que os expedientes non estean nin sequera foliados, que se extravíe documentación e que en ocasións os expedientes caduquen ou prescriban pola lentitude na súa tramitación”. Represas considerou inaceptable que “o concello tarde meses e anos en tramitar e conceder licenzas de obra ou de actividades ou en resolver expedientes de sanción” e atribuíuno “á mala organización da administración, que carece de organigramas claros, e aos limitados recursos humanos e materiais para atender un volume tan elevado de traballo administrativo, que desborda a departamentos tan importantes como a asesoría xurídica ou a oficina técnica.

O rexedor ponteareán tamén citou como exemplo da inadecuación da administración aos novos tempos que os traballadores municipais carezan de correo electrónico corporativo, “unha situación sorprendente só atribuíble á desidia e á incapacidade do anterior goberno local”.

Todo isto, en opinión do Represas, provoca unha baixa calidade na atención da administración aos cidadáns, a pesar dos grandes esforzos dos funcionarios e do resto de traballadores municipais.

Para facer fronte a esta situación, o alcalde anunciou a elaboración, aprobación e aplicación no actual mandato dun Plano de Modernización da Administración Local, no que se diagnosticarán os problemas do aparello administrativo do concello e se formularán as solucións e medidas a poñer en práctica nos vindeiros catro anos. “Con este plano lograremos converter o Concello nunha administración pública moderna, áxil, eficaz e eficiente, e lograr un alto nivel de satisfacción da veciñanza na súa relación coa administración”, indicou Represas.

Para abordar a elaboración do Plan, o alcalde solicitou xa aos funcionarios municipais que informen sobre as disfuncións e problemas da administración e realicen suxestións e propostas de mellora, “porque o cadro de persoal é quen mellor coñece as dificultades e problemáticas da administración do concello”.

ara completar o traballo de diagnose da situación, o alcalde prevé tamén manter un encontro proximamente con profesionais relacionados coa actividade administrativa do concello, como xestorías, arquitectos, aparelladores, técnicos ou avogados, para coñecer máis polo miúdo.a súa opinión sobre o funcionamento da administración.