Recolle as plantas aromáticas típicas de San Xoán co Concello de Ponteareas

 

Aberta a inscrición para participar na charla e ruta guiada polos montes de Ganade o vindeiro 23 de xuño ás 19.00 horas

 

Recolle as plantas aromáticas típicas de San Xoán co Concello de PonteareasO Concello de Ponteareas pon en marcha a actividade ‘As plantas aromáticas no ritual de San Xoán’, unha xornada na que todas as persoas interesadas “aprenderán a recoñecer as plantas empregadas nesta noite tan sinalada. Os e as participantes sairán ademais a recollelas acompañadas dunha persoa experta, co que terán xa todo listo para continuar coa tradición e deixar plantas e flores en auga baixo a rosada da noite”, sinala o concelleiro de Cultura, Fernando Groba.

 

A actividade desenvolverase na capela de Santa Lucía, en Ganade-Areas, o vindeiro xoves 23 de xuño a partir das 19.00 horas. As persoas participantes poderán desfrutar nunha primeira parte dunha charla lúdica e didáctica para, ao rematar, facer un percorrido polos montes de Ganade para recoñecer e recoller estas herbas e plantas ventureiras.

 

O encontro será de balde e contará con prazas limitadas, polo que é imprescindíbel inscribirse previamente a través do correo electrónico auditoriomunicipal@ponteareas.gal.