Quinta Festa dos Maios en San Mateo de Oliveira

DSC00533Esta mañá presentouse a quinta edición da Festa dos Maios, que terá lugar o vindeiro domingo 10 de maio na parroquia ponteareá de San Mateo de Oliveira. O acto contou coa participación do alcalde ponteareán, Salvador González, a secretaria da Asociación de Veciños de San Mauro, Josefa Domínguez e o seu tesoureiro, José María Fernández.

A actividade dará comezo ás 18:00 horas e consistirá nun concurso de maios, aberto a todos os asistentes. Esta festa conta cunha gran acollida entre os veciños, que se esforzan durante as semanas anteriores para realizar un maio gañador.

Todas as persoas que se acheguen poderán tamén gozar de varias actuacións musicais e de danza protagonizadas polas “Pandereiterias do Centro Cultural de San Mateo”, “Os Arreventapeitos” e “Pedra da Garza”.

O evento está organizado pola Asociación de Veciños de San Mauro e conta coa colaboración do Concello de Ponteareas.