Ponteareas vivirá un entroido con cinco días de actividades para todos os públicos

O Concello programa entre o sábado 26 de febreiro e o mércores 2 de marzo obradoiros, concursos de disfraces e animación na rúa

 

Ponteareas vai vivir un entroido ao grande. O Concello programa unha serie de actividades que durarán cinco días, entre o sábado 26 de febreiro e o mércores 2 de marzo, dirixidas a todos os públicos para que a veciñanza “poida desfrutar ao máximo do entroido”. A alcaldesa, Cristina Fernández Davila, destaca que con esta programación, en caso de que non chova, “volvemos levar cultura e ocio as nosas rúas, contribuíndo tamén á dinamización do comercio e a hostalaría local”. 

 

Este ano non se celebrará o tradicional desfile de comparsas polas rúas da vila. O concelleiro de Eventos, Miguel Bouzó, informou que  “tras realizar unha consulta con todas as entidades que normalmente participaban no desfile, indicáronnos que neste ano, por mor da situación sanitaria e das súas derivadas restriccións, non puideran reunirse para confeccionar os disfraces, nin as carrozas, nin os bailes, polo que non poderían participar nun hipotético desfile”. Neste escenario, “traballamos na organización de actividades para que todos os veciños e veciñas poidan gozar do ambiente festivo do entroido con outro tipo de actividades que enchan as rúas de cor e ledicia”, sinalou o edil.

 

O entroido comezará ás 17 horas do sábado 26 de febreiro, cun obradoiro de máscaras dirixido ás crianzas de entre tres e catorce anos. O domingo 27, á mesma hora, iniciará o percorrido dunha divertida animación de rúa e a continuación celebrarase na Praza Maior un concurso de disfraces infantil, que repartirá premios ás cinco mellores caracterizacións. O luns 28 será a quenda das persoas adultas, que poderán participar dende as 19 horas nun concurso de disfraces con até cinco premios en metálico. O martes día 1 volverá a  animación ás rúas da vila e o mércores día 2 Ponteareas despedirá o entroido co tradicional enterro da sardiña. En caso de choiva as actividades serán na Sala Multiúsos do Auditorio Reveriano Soutullo.

 

O concelleiro de Eventos adiantou que durante os días previos poderá contemplarse nos diversos locais comerciais da vila a exposición “O Entroido ponteareán no tempo”, cunha selección de divertidas fotografías desta celebración nas últimas décadas. “Con esta exposición, así como co cartel anunciador das festas deste ano, que inclúe unha imaxe de mediados dos anos 50 na Praza Maior cedida por Foto Souto, queremos pór en valor a tradición histórica da festividade en Ponteareas”, conclúe Bouzó.