Ponteareas tínguese de rosa contra o cancro de mama

Concello e ASCAM Pilar Domingo organizan unha marcha solidaria este sábado 15 coincidindo co Día Mundial contra o cancro de mama

Ponteareas tínguese de rosa contra o cancro de mamaEsta fin de semana Ponteareas volverá tinguirse de rosa. Concello e ASCAM Pilar Domingo organizan unha nova marcha solidaria este sábado 15 de outubro coincidindo co Día Mundial contra o Cancro de Mama, unha actividade “coa que visibilizar esta enfermidade, acompañar e apoiar a todas as mulleres afectadas por esta doenza, con especial agarimo ás da nosa contorna”, salienta a alcaldesa, Cristina Fernández Davila.

A actividade comezará ás 16.00 horas na Praza Maior coa chegada de todas as persoas participantes. A marcha dará comezo ás 16.30 horas e fará un percorrido de ida e volta ata o campo de fútbol de Pardellas, onde se fará unha parada para que as e os asistentes poidan participar nunha actividade grupal de zumba. Será sesión dobre, xa que a marcha rematará de novo na Praza Maior con outra actividade de zumba e baile aberta a todas as persoas.

Para conmemorar este día, durante toda a tarde a Asociación Cancro de Mama Pilar Domingo contará cun posto de información na Praza Maior para difundir os programas e actividades que están a levar a cabo, así como cun posto de merchandising. A alcaldesa anima a toda a veciñanza a participar nesta iniciativa e a achegarse ata a Praza Maior “para coñecer todo o traballo que se está a facer dende a asociación e incluso sumarse á súa loita como persoas socias ou colaboradoras”.

“Este sábado seguiremos estreitando lazos de solidariedade para achegarnos á realidade dun dos tipos de cancro máis comúns hoxe en día. Esta actividade permitirá a toda a veciñanza descubrir todos os programas e servizos que ofrece a ASCAM Pilar Domingo, pero tamén nos permitirá concienciar e sensibilizar á poboación sobre este tipo de doenza e a importancia dunha detección precoz”, recalca Fernández Davila.

O evento contará coa colaboración da Orquestra Tango, será presentado polo xornalista Terio Carrera e a sesión de zumba estará amenizada polos monitores Bruno Hermida, Noelia Rodríguez, Inma Vilaboa e Jesid Ortega. O peche da actividade será a cargo do grupo de baile moderno, cultural e deportivo Casal-Salvaterra. Dende o Concello agradécese “a implicación de todos e todas elas e da veciñanza nesta marcha que nos permitirá movernos xuntos e xuntas por unha boa causa”.