Ponteareas terá un monumento en homenaxe ás vítimas de cancro de mama

A inauguración da estatua, elaborada pola Escola de Canteiros da Deputación de Pontevedra, será o vindeiro martes 18 de outubro ás 18.00 horas na entrada do Centro de Saúde, co gallo da celebración do Día Contra o Cancro de Mama.

A concelleira de Sanidade e Promoción da Saúde, Vanesa Fernández, convida a toda a veciñanza a asistir ao acto

Este acto dedicado  ás vítimas do cancro de mama está encadrado dentro das actividades da Semana Internacional Contra o Cancro de Mama, entre o 17 e 23 de outubro, desenvolvidos coa colaboración da Asociación Local de Comerciantes de Ponteareas “Ponteareas Comercial” e a Concellería de Sanidade e Promoción da Saúde, coordinada pola edil Vanesa Fernández. “Esta escultura representa toda unha homenaxe ás mulleres que sofren esta terrible enfermidade, pero ao mesmo tempo simboliza a esperanza y a forza que nos permite superala. Quero darlle o meu agradecemento persoal á escritora Isabel Blanco por permitirnos que as súas palabras formen parte do monumento”, manifesta a concelleira Vanesa Fernández.

Na campaña a desenvolver durante a vindeira semana téntase informar con charlas e mesas informativa á poboación, en xeral, e ás mulleres maiores de 40 anos, en especial, sobre os aspectos máis relevantes do cancro de mama. Hai unha elevada  incidencia deste tipo de cancro entre a poboación feminina: unha de cada 8 mulleres desenvolve un cancro de mama ao longo da súa vida. A supervivencia por cancro de mama ten mellorado notablemente nos últimos anos. As mamografías periódicas e o avance dos tratamentos permiten taxas de curación do 90%.