Ponteareas recibirá ao alumnado do Centro Archbishop McHale College de Tuam (Éire)

Forman parte do proxecto de Erasmus + “Endangered languages, cultural diversity and integration in the EU of the 21st century” compartido cos tres IES e o Concello de Ponteareas

O vindeiro luns, 13 de febreiro, chegarán á vila de Ponteareas 15 alumnos e os seus profesores, procedentes de Tuam (Éire), localidade coa que se comparte un proxecto Erasmus + do que forman parte o IES do Barral, IES Pedra da Auga, IES Val do Tea e o Concello de Ponteareas.

“O programa Erasmus+ pretende mellorar o nivel de competencias e de capacidades básicas dos mozos e mozas, así como potenciar a dimensión internacional destes a través da participación en proxectos no estranxeiro”, indica a edil de Ensino, Cristina Fernández

O alumnado irlandés, así como o de Ponteareas participante no proxecto xunto co profesorado, serán recibidos polo alcalde, Xosé Represas e a concelleira de Ensino

Esta viaxe, que se prolongará ata o 20 de febreiro, está enmarcada no proxecto Erasmus concedido o pasado ano á vila de Ponteareas e aos seus Institutos. Terá unha vixencia de tres cursos escolares, e busca poñer de manifesto a situación actual das línguas gaélica e galega e a súa relación co castelán e o inglés respectivamente. Amais, trataranse tamén aspectos de interese común referidos ás culturas galega e irlandesa en xeral.

Durante o presente curso o traballo estará centrado nas respectivas linguas e nas artes plásticas, e durante esta semana ─tanto o alumnado galego como o irlandés─ traballará conxuntamente nos centros, desenvolvendo diversas actividades en todas as xornadas.

Esta visita será correspondida no mes de maio polo alumnado de Ponteareas, que viaxará a Irlanda.