Ponteareas reabre a Aula CeMIT

A sala estará aberta durante catro horas diarias dende o 17 de agosto até o 28 de decembro

A concellería de Novas Tecnoloxías, xestionada por Benito Márquez, volve poñer en marcha un servizo que o anterior executivo deixara sen programar para o comezo da presente lexislatura

benito-marquez-aula-cemitO Concello de Ponteareas vén de abrir, despois de máis dun mes, a Aula CeMIT (Centro para a Modernización e Inclusión Tecnolóxica), situada na rúa Oriente nº12. A sala estará aberta durante catro horas diarias dende o 17 de agosto até o 28 de decembro, contando co apoio permanente dun monitor por parte dos alumnos. Durante os meses de agosto e setembro, o horario será de 09:30 horas a 13:30 horas, mentres nos meses de outubro, novembro e decembro de 16:00 a 20:00.

A concellería de Novas Tecnoloxías que dirixe Benito Márquez volve poñer en marcha un servizo que estivo máis dun mes sen funcionar pola falta de programación do anterior goberno municipal.

Este servizo ofrécese grazas á concesión dunha subvención por parte da Axencia para a Modernización Tecnolóxica, dependente da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza. A contía total desta subvención é de 15.000 euros, dos cales 7.865 euros xa foran gastados polo anterior executivo local e permitiron ofrecer un servizo durante os meses de abril, maio de xuño.

Unha vez rematado o mes de xuño, non figuraba ningunha programación por parte do anterior goberno local para seguir prestando este servizo, polo que este novo executivo viuse na obriga de iniciar de novo a tramitación pertinente para seguir aproveitando unha subvención que permite que moitos veciños e veciñas da vila poidan iniciarse no eido dixital. O gasto de máis da metade do diñeiro dispoñible grazas á concesión desta subvención en só tres meses, a poucas semanas das eleccións municipais, podía supoñer unha mingua na prestación deste servizo.

Por todo isto, dita tramitación veu acompañada dunha optimización de recursos, de xeito que con menos cartos, 7.135 euros, a aula permanecerá aberta durante máis de catro meses e permitirá, grazas ao apoio dun monitor profesional, impartir cinco accións formativas: iniciación á informática e Internet, traballos con procesadores de textos, follas de cálculo, realización de presentacións con impress e procura de emprego a través da Internet.