Ponteareas pon en valor os elementos do seu patrimonio natural a través do concurso fotográfico ‘Pontepenedo’

Ponteareas pon en valor os elementos do seu patrimonio natural a través do concurso fotográfico ‘Pontepenedo’

 

As persoas interesadas en participar deberán enviar as súas fotos sobre penedos, pedras e rochas da vila antes do 5 de setembro

 

O Concello de Ponteareas quere poñer en valor os elementos do patrimonio natural da vila á vez que fomenta a súa divulgación e a creación artística. Por este motivo, organiza a través da Concellaría de Cultura o concurso de fotografía ‘Pontepenedo’, no que os penedos, pedras ou rochas do municipio serán os protagonistas.

 

Neste certame poderán participar persoas maiores de idade ou que cumpran os 18 anos dentro do 2021, que deberán presentar a concurso un máximo de 5 imaxes en formato jpg ou tiff cun tamaño mínimo de 2600×1800 píxeles e sen marca que identifique ao autor ou autora. As fotografías deben ser orixinais e inéditas.

 

Cada imaxe levará un título que faga referencia ao elemento patrimonial recollido e á súa localización. As persoas participantes terán que enviar as fotografías como arquivo adxunto por correo electrónico ou por wetransfer ao enderezo concursofotografico@ponteareas.gal, indicando no asunto ‘Concurso de fotografía “Pontepenedo” e incluíndo unha copia do DNI e a solicitude de participación, que pode descargarse na web municipal xunto ás bases do certame. A data límite de presentación será o vindeiro 5 de setembro.

 

O Concello de Ponteareas entregará catro premios en metálico de 300, 200, 100 e 50 euros “en función do impacto visual, da calidade técnica e artística, da creatividade e da orixinalidade das fotografías”, como sinalou o edil de Cultura, Fernando Groba.