A concelleira en funcións de Benestar Social, Igualdade e Mocidade, Verónica Carrera, asistíu acompañada de Carmen, Enma, Nico e Hirut, alumnado dos centros educativos ponteareáns, ao Encontro Autonómico de Consellos de Participación Infantil que tivo lugar esta fin de semana no concello ourensá de Castrelo do Miño.
No encontro participaron medio cento de representantes dos consellos locais de participación infantil e adolescentes de toda Galicia. Precisamente no pleno infantil celebrado estes días Ponteareas aprobou o regulamento de funcionamento do seu consello para que no vindeiro pleno ordinario se aprobe a súa constitución.
Os obxectivos das xornadas de traballo pasaron por intercambiar experiencias entre os diferentes consellos e brindar aos mozos e mozas a posibilidade de opinar e debater sobre temas que son do seu interese.
Organizado por UNICEF, promove a inclusión da infancia e da adolescencia nas políticas municipais coa súa participación e ofrecedéndolles recursos.
Ponteareas da un paso máis para obter a súa certificación como Cidade Amiga da Infancia.
“Na liña do noso obxectivo de facer de Ponteareas unha cidade participativa e comprometida, damos agora os últimos pasos para formalizar o consello da infancia e da mocidade en colaboración coa concellería de Ensino, que a veciñanza se involucre no seu futuro é indispensable para facer unha cidade na que vivir”, explica Verónica Carrera.