Ponteareas organiza unha xornada de apoio psicolóxico a familias de nenos con autismo

O obradoiro terá lugar na Biblioteca Municipal o vindeiro luns, 7 de setembro, a partir das 16:30 horas

A iniciativa está organizada dende a concellería de Benestar Social, xestionada por Verónica Carrera, e forma parte do programa Coidamos-TEA, desenvolvido pola Federación Autismo Galicia

Todas aquelas persoas interesadas poden informarse no número de teléfono 981 589 365 ou a través do enderezo electrónico info@autismogalicia.org

coidamos-teaA Biblioteca Municipal do Concello de Ponteareas acollerá a primeira das xornadas que a Federación Autismo Galicia ten previsto desenvolver en diferentes municipios para ofrecer apoio psicolóxico a familias de nenos e nenas que teñen diagnosticado un Trastorno do Espectro do Autismo (TEA).

Os obxectivos desta xornada, organizada dende a concellería de Benestar Social  xestionada por Verónica Carrera e que terá lugar o vindeiro luns, 7 de setembro, a partir das 16:30 horas, son varios: dar a coñecer os recursos existentes de apoio para estas persoas, explicar as condutas e as dificultades dos nenos con este tipo de trastorno, identificar e axustar determinadas actitudes, ofrecer pautas de intervención que poden axudar no eido terapéutico para favorecer a convivencia, e seguir traballando na construción dunha rede de apoio entre as familias.

Un total de 15 prazas para unha xornada enmarcada no programa Coidamos-TEA, promovido pola Federación Autismo Galicia e pensado para asesorar sobre un tipo de trastorno que non ten cura, pero cuxa detección temperá permite lograr unha mellor calidade da persoa que presenta esta doenza. De feito, os principais déficits relacionados coa comunicación e a interacción social pódense descubrir nos dous primeiros anos de vida.

Os traballadores e traballadoras dos departamento de Servizos Sociais do Concello de Ponteareas teñen un amplo coñecemento nesta materia, pois este tipo de casos son tratados no centro municipal Asprodico, onde se presta o servizo de atención temperá, o cal axuda a dotar a estes cativos dunha maior autonomía.

As investigacións sobre o impacto do autismo na familia céntranse na influencia do estrés que provoca convivir con persoas que padecen trastorno de maneira cotiá, o cal exerce un efecto negativo sobre o clima emocional, o mantemento dunha rede social, actividades de ocio, a conciliación co traballo, etcétera.

Por todo isto, segundo Verónica Carrera, concelleira de Benestar Social, “é necesario axudar ás familias a desenvolver fortalezas e aumentar o seu sentimento de competencia”. Todas aquelas persoas interesadas poden informarse no número de teléfono 981 589 365 ou a través do enderezo electrónico info@autismogalicia.org.