Ponteareas festexa a música tradicional do Condado

As rúas da vila serán o escenario dunha nova edición do Festival Folclórico do Condado que comeza o sábado a partir das 10.30 horas

 

Ponteareas festexará este sábado a música tradicional do Condado nunha nova edición do Festival Folclórico do Condado, un evento de importancia na vila do Tea, xa que supón unha gran oportunidade para pór en valor a música que se interpreta na comarca. 

 

O sábado, a partir das 10.30 horas, os grupos participantes presentarán a súa música e os seus bailes, e farán un pasarrúas que percorrerá distintos puntos do centro urbano da vila. “Queremos pór en valor a nosa música tradicional da mellor maneira, dándolle un espazo para que todos os veciños e veciñas poidan desfrutar dela”, explica o concelleiro de Cultura, Fernando Groba.

 

Dúas rúas serán as protagonistas do Festival: a de Reveriano Soutullo e Arxentina. Na primeira desfilarán as agrupacións folclóricas de Algazara de Celeiros (10.30 h), de San Salvador de Padróns (11.30 h), do Centro Cultural de Xinzo (12.30 h), e de Sadeo (13.30 h), mentres que na segunda estarán Os Muíños de Oliveira (11.00 h), a Casa Cultural Areas (12.00 h), e a Pedra da Garza de Fozara (13.00 h). O evento rematará ás 14.00 cunha clausura musical no edificio do Concello.