Ponteareas dá visibilidade ás mulleres ‘Galegas na ciencia’

Ponteareas dá visibilidade ás mulleres ‘Galegas na ciencia’

 

O Concello entrega a todos os centros educativos exemplares do libro de Isabel Blanco e María Lapido para traballar a perspectiva de xénero e realiza obradoiros para secundaria no IES Barral, Val do Tea e Pedra da Auga

A autora estará este venres 4 (20.00 h) na sala multiúsos do auditorio municipal presentando a obra

 

Ponteareas leva este 8M aos centros educativos a loita contra o coñecido como efecto Matilda, a inxustiza sistemática cometida contra as científicas que durante décadas viron invisibilizado o seu traballo só por ser muller. Co gallo do Día Internacional da Muller, o Concello repartiu entre todos os centros escolares da vila varios exemplares de ‘Galegas na ciencia’, un libro con textos de Isabel Blanco e retratos de María Lapido que recolle as biografías de 20 científicas galegas que abriron as portas da ciencia a milleiros de mulleres.

 

“Con esta iniciativa damos ferramentas ao profesorado para traballar con nenos e nenas a perspectiva de xénero os 365 días do ano, poñer fin ás desigualdades non só no ámbito científico e para dar visibilidade a perfís profesionais de mulleres que desenvolveron un papel importante na ciencia ao longo da historia pero que viron como os seus nomes quedaban agochados”, explica a concelleira de Igualdade, Verónica Carrera.

 

Esta entrega de libros completarase con obradoiros nos IES Barral, Val do Tea e Pedra da Auga nos que a propia autora traballará con mozos e mozas sobre temas de igualdade. “A loita contra a desigualdade debe realizarse en todos os eidos, comezando polo ensino. Con estas charlas nos centros queremos facer entender a rapaces e rapazas que a carreira profesional non é cuestión de xénero”, lembra a edil.

 

Pola súa banda, a alcaldesa Cristina Fernández Davila participará este venres 4 (20.00 h) na sala multiúsos do auditorio municipal no acto de presentación do libro ‘Galegas na ciencia’, no que estará a autora, Isabel Blanco, e a súa editora, Edurne Baines. Entrada de balde e libre ata completar aforo.