Ponteareas convoca o concurso de ideas para a mellora da Praza Bugallal

O goberno de Ponteareas convoca un concurso de ideas para a mellora da praza Bugallal dentro das liñas de actuación da estratexia “Ponteareas, Hábitat Saudable” financiada polo fondo europeo de desenvolvemento rexional.

Cun orzamento de máis de 600.000€ (proxecto de obra, direción de obra e execución) a mellora da Praza Bugallal realizarase con cargo aos Fondos FEDER da Unión Europea.

Respondendo á demanda de rehabilitación desta praza dos colectivos, grupos políticos e veciños, o goberno de Ponteareas convidará a cinco estudios de arquitectua e urbanismo de recoñecido prestixio para que presenten as súas ideas e propostas. Estes profesionais posuen un premio vencellado á ordenación urbana, recoñecido ou outorgado por un colexio profesional, organización ou Administración pública do espazo comunitario.

A comisión de valoración na que participan técnicos de recoñecido prestixo e todos os grupos políticos da Corporación municipal, valorará a solución técnica e económica máis óptima e na que se vexan reflectidas as necesidades e o sentir da cidadanía. 

Co arranque deste concurso dase continuidade ás liñas de melloras no núcleo urbano seguindo os obxectivos e directrices marcadas na estratexia Ponteareas, Hábitat Saudable. O proxecto estará na mesma liña da modernización do primeiro tramo do Paseo Matutino que se realizará proximamente.

A mellora da accesibilidade, das posibilidades de uso do espazo público, da calidade do aire, da mobilidade urbana e o respeto polos usos e costumes habituais da praza son algunhas das directrices a valorar na redacción do proxecto.

No concurso de ideas ademais das actuacións a realizar na Praza de Bugallal  e na súa contorna tamén contemplará un área de estudio para no futuro actuar co mesmo criterio nos arredores do auditorio, avda Constitución e primeiro tramo de Vidales Tomé.

Con esta iniciativa comeza a materializarse unha das liñas da estratexia nas que tamén se contemplan outras que van desde o desenvolvemento sostible á revitalización da economía pasando pola implantación de sistemas de aproveitamento de biomasa, a recuperación de zonas verdes, a inclusión activa e a loita contra a discriminación, a mellora da administración local a través das TICs, a mellora da eficiencia enerxética, a mellora do patrimonio e da contorna do río Tea, o apoio ao comercio e a mellora do casco vello, son algunhas das liñas recollidas na estratexia.

“Ponteareas, Hábitat Saudable” enmárcase dentro dos fondos europeos de desenvolvemento rexional subvencionada con 5.000.000€ polos Fondos FEDER.

Na última convocatoria de Fodos FEDER, a Unión Europea decidíu que toda cidade que quixese ser receptora dos mesmos, tiña que ter un Plan Estratéxico. Nese punto, dende o Concello de Ponteareas, asumíuse o reto como unha oportunidade para elaborar unha verdadeira Estratexia de Planificación Urbana co horizonte fixado no ano 2030. Arquitectos, economistas, enxeñeiros e sociólogos participaron no deseño desta estratexia que permitía solicitar os fondos FEDER.