Ponteareas continúa coa esterilización das súas 17 colonias felinas

O Concello xa rematou as intervencións nos espazos que acumulaban máis queixas da veciñanza e instalou casetas para mellorar o benestar dos animais

 

O Concello de Ponteareas, a través da concellaría de Medio Ambiente que dirixe Rosa Covelo Alonso, continúa coa esterilización das 17 colonias felinas que hai na vila. A edil explica que xa se remataron as intervencións nos espazos que acumulaban máis queixas da veciñanza por problemas sanitarios, ruídos, alimentación… Nestas colonias, ademais da esterilización, “tamén aproveitamos para realizar unha limpeza e instalar unhas casetas para botarlles a comida e que non se molle, evitando así os tuppers, o impacto visual e os plásticos no lugar”.

 

A concelleira tamén quere “agradecer o traballo indispensábel da Protectora Os Biosbardos”, xa que sen as persoas voluntarias non sería doado realizar os traballos con eficacia. O Concello está a aplicar a estratexia C.E.S (Capturar-Esterilizar-Soltar), que supón atrapar a maior cantidade de gatos da colonia, tanto machos como femias, para, posteriormente, esterilízalos. Unha vez pasadas 48 horas de recuperación, sóltanse na súa colonia cun marcador que facilita a súa posterior identificación e control. Este método é o recomendado pola Organización Mundial da Saúde para evitar a proliferación dos felinos. 

 

Rosa Covelo destaca que a estratexia que están a seguir no Concello é a máis eficiente na optimización e inversión de recursos, facilita a xestión da adopción dos felinos, diminúe o gasto público e privado no control de pragas, xa que espantan outros animais coma as ratas, mellora o benestar social, tanto animal como humano, prevén os brotes de enfermidades, mantén boas condicións de hixiene nas colonias, e, por suposto, reduce en gran medida a poboación de felinos de maneira sostible e ética co seu benestar. 

 

Para a edil estas intervencións son unha iniciativa máis que demostra “que queremos facer de Ponteareas un lugar sostible no que os animais que nos rodean e as persoas podan convivir en harmonía”, conclúe.