Ponteareas apoia ao pobo saharaui e ratifica o convenio para axudar nas viaxes do programa “Vacacións en Paz”

O alcalde e a concelleira de Benestar Social e Igualdade asinaron xunto á presidenta de Solidariedade Galega co Pobo Saharaui un convenio por 6.000€

O goberno de Ponteareas representado polo Alcalde Xosé Represas e a concelleira de Benestar Social e Igualdade, Verónica Carrera, mantiveron hoxe un encontro coa presidenta de Solidariedade Galega co Pobo Saharaui, Maite Isla, para a sinatura do convenio que permite desenvolver no concello o programa “Vacacións en Paz” que cada ano facilita o acollemento de nenos e nenas saharauis.

O goberno e a asociación asinarion un convenio por valor total de 6.000€ que permitíu o financiamento dos traslados e viaxes destes pequenos e pequenas que durante a tempada estival forman parte da veciñanza enriquecendo coa súa cultura as vivenzas destas familias. 

Acoller é unha experiencia na que as dúas partes resultan beneficiadas polo intercambio vital de dous pobos irmáns. 

Solidariedade Galega co Pobo Saharaui informa que precisan familias acolledoras para que este verán sexan máis pequenos e pequenas os que nos visiten e poidan tratar ademais posibles doenzas ou solventar carencias provocadas pola vida nos campamentos saharauis. 

Acoller é máis doado grazas á colaboración do concello de Ponteareas que financia os traslados facendo que as familias beneficiarias non teñan que afrontar os gastos de desprazamentos dos cativos e cativas e tan só terán que recibilos nos seus fogares e desfrutar desta marabillosa e fermosa convivencia na que as dúas culturas se funden conformando unha soa familia.

Os distintos convenios coa Seguridade Social, ópticas, dentistas e distintas especialidades sanitarias tamén supoñen un alivio económico para as familias e ofrecen cobertura sanitaria, incluídas oftalmolóxica, odontoloxía e auditiva.

Para premiar este compromiso e facilitar a conciliación familiar o concello de Ponteareas reservará prazas nas actividades de verán como os campamentos do Campus Tea para que os e as saharauis poidan participar como calquera outro ponteareán ou ponteareá. 

Todos os interesados e interesadas deben contactar no teléfono 986 26 26 37.