Ponteareas amplía o prazo para presentar os traballos de investigación ao VIII Premio Fermín Bouza Brey

A concellería de Cultura informa que, debido ao período de corentena pola COVID-19, o prazo amplíase ata o 5 de agosto

O concelleiro de Cultura, Fernando Groba, informa que debido ao período de corentena provocado pola COVID-19, nesta oitava edición amplíase o prazo de entrega de traballos ata o 5 de agosto do presente ano.

Para lembrar o nacemento nesta vila do ilustre poeta e polígrafo D. Fermín Bouza Brey e co fin de honrar a súa memoria e o seu traballo de investigación sobre a cultura de Galicia así como para promover a investigación científica sobre Ponteareas e a comarca do Condado, cada ano o Concello convoca o Premio de Investigación Fermín Bouza Brey.

Poderán optar a este premio proxectos de investigación científica sobre historia, arte, arqueoloxía, etnografía, literatura ou ciencias sociais que necesariamente deben ter como referente o municipio de Ponteareas e complementariamente a comarca de O Condado.

O Premio “Fermín Bouza Brey” estará dotado con 3.000 euros, entregándose un 50% do importe unha vez fallado o premio e o 50 % restante unha vez entregado o traballo de investigación.

Todos e todas as interesadas poden dirixirse ao Museo Municipal de Ponteareas, rúa Perillana, 9-11 – 36860 Ponteareas, ou no teléfono 986660765 ou no seguinte enderezo de correo electrónico: bibliotecamuseo@ponteareas.es