Ponteareas acomete novos traballos para mellorar a mobilidade e seguridade das persoas

Ponteareas acomete novos traballos para mellorar a mobilidade e seguridade das persoas

Creáronse novas sendas peonís, ampliáronse beirarrúas sobre a calzada e implementáronse estreitamentos de carrís para reducir a velocidade dos vehículos

O Concello de Ponteareas continúa executando novas actuacións dirixidas a mellorar a mobilidade das persoas e a súa seguridade nos espazos públicos, reequilibrando a distribución do espazo entre vehículos e peóns.

Entre as accións que se están a realizar inclúense novos pasos de peóns en diferentes rúas como o Paseo Matutino, Baratillo, Cortiña Vella ou Delio Rodríguez, así como cebreados de protección de cinco metros de visibilidade nos poucos pasos de peóns que aínda carecían deles. Na actualidade, todos os pasos de peóns da vila están libres de atrancos visuais nos cinco metros anteriores aos pasos grazas aos cebreados pintados nestes tres anos.

Outra acción de relevancia é a ampliación sobre parte da calzada de dúas beirarrúas especialmente estreitas, a dun tramo da rúa Paseo Matutino e a dunha marxe da rúa Emilio Rodríguez, beirarrúas moi transitadas, que apenas sobrepasaban o metro de anchura e polas que dificilmente podían camiñar dúas persoas á par e que agora se incrementan en máis do dobre.

No caso do Paseo Matutino, a ampliación da beirarrúa implicou eliminar o ancho excesivo e innecesario da calzada que incentivaba a circulación de vehículos a elevadas velocidades. Este estreitamento de carril de circulación únese a outros realizados nos últimos tres anos en lugares como a rúa Carballos, Castañal, Amado Garra, Fernández Vega ou na Costa do Centro de Saúde e que supuxeron unha redución drástica da velocidade media dos vehículos a motor. No caso de Emilio Rodríguez ademais da necesaria senda peonil nunha marxe, habilitouse a outra marxe para carga e descarga. Con esta medida preténdese tamén eliminar o tráfico de axitación que circula por Vidales Tomé e Emilio Rodríguez na procura de aparcamento e incentivar que os vehículos estacionen directamente na zona azul da contorna ou en aparcadoiros como o de Granitos de Galicia, onde habitualmente hai prazas libres.

Creouse ademais unha senda peonil por unha marxe da rúa do Baratillo que une de xeito seguro a zona da fonte do Baratillo coa Biblioteca Municipal e reordena a calzada desta rúa.

Ademais habilitouse un pequeno carril bici que une a intersección da rúa Amado Garra e Azorín co Colexio Nosa Señora dos Remedios, para facilitar o acceso en bicicleta dos escolares dentro dunha acción de promoción deste transporte proposta por este centro educativo que se pretende desenvolver no vindeiro curso escolar.