Ponteareas acolle o encontro dun proxecto educativo internacional

Alumnado de Ponteareas viaxará a Irlanda

Os Institutos da vila levarán adiante un Proxecto Erasmus + ata o 2019 xunto cun centro de Tuam, en Galway (Irlanda)

Entre os días 22 e 25 os centros de ensino do Concello de Ponteareas recibirán a visita de dúas profesoras irlandesas co fin de coordinar o traballo e as áreas a desenvolver dentro do Proxecto Erasmus Plus “Endangered Languages, Cultural Diversity and Integration in the EU of the XXI Century”,  do que forman parte os Institutos Pedra da Auga, Ponteareas e Val do Tea, xunto  co Centro Archbishop McHale College de Tuam (Galway – Irlanda).

O proxecto foi promovido desde a Fundación Antón Losada Diéguez dentro dunhas iniciativas a prol do irmanamento entre vilas galegas e irlandesas, terá unha duración de tres anos e desenvolverá entre outros temas a situación actual do gaélico e do galego na súa relación co inglés e o castelán respectivamente. Ademáis deste tema central, trataranse diversos aspectos de interese común en diferentes materias, como son a historia, cultura e tradicións (Sociais), as diversas formas artísticas desde os petroglifos ata hoxe (Plástica), a contorna natural (Bioloxía), a promoción internacional dos nosos recursos (Economía), etc.

Os traballos do alumnado ao redor destes temas serán postos en común mediante videoconferencias mensuais por Skype, que serán aloxadas, xunto con toda a información elaborada, nunha páxina web adicada ao proxecto.

No inicio de cada curso escolar, 15 alumnos/as de Irlanda virán a Ponteareas para pasar unha semana entre os seus colegas pontareáns, que viaxarán a Irlanda para unha estancia dunha semana convivindo coas familias e participando nas actividades lectivas do centro irlandés.

Un dos resultados deste proxecto será a realización dun programa anual de TV que será emitido pola TVG e a TG4 (canle irlandés) no que alumnado galego e irlandés promocionarán os aspectos máis salientables das súas respectivas vilas, usando as linguas galega e gaélica simultaneamente. Na producción destes vídeos colaborarán profesorado e alumnado do CEIP “Feliciano Barrera” de Guláns.

O Concello de Ponteareas,  que forma parte do proxecto Erasmus Plus, facilitará os encontros do profesorado  e participará activamente nas actividades. “É importante para a nosa Comunidade Educativa abrir as portas a profesorado e alumnado doutros países, así como que o noso alumnado poida disfrutar das experiencias únicas que lles proporcionará este tipo de intercambios e Proxectos. Este Erasmus ten que ser o primeiro que se desenvolva dende Ponteareas, facendo que no futuro podamos conseguir novas colaboracións con diferentes países”, comenta a Concelleira de Ensino, Cristina Fernández.