Ponteareas acolle este domingo o III Eduro de ciclismo da Picaraña

 

Regresa a competición á Picaraña, este domingo 27 de marzo,  con récord de participantes, 13 categorías e cun nivel de dificultade alto.

 

A proba comezará no Pavillón Álvaro Pino ás 8.30 horas, contará con catro tramos e rematará no mesmo punto sobre ás 14.45 horas, onde se fará entrega dos trofeos e reporanse forzas cun pincho.

 

A competición de alto nivel regresa aos montes da Picaraña este domingo coa celebración do III Enduro das Rosquillas ADC Picaraña-Biziebike, organizado en colaboración co Concello de Ponteareas. Logo dun ano de ausencia por mor da pandemia, retómase unha das citas deportivas de referencia na provincia de Pontevedra que nesta edición conta con récord de participantes,  trescentos corredores e corredoras de toda Galicia que medirán a súa pericia riba da bicicleta en trece categorías, dende cadetes a máster 60.

 

A competición desenvolverase en catro tramos de enlace e cronometrados. Preto de 27 Kms de percorrido cun desnivel positivo do redor de 1.100 metros nos que os participantes terán que demostrar a súa axilidade e rapidez. Os primeiros serán os clasificados para competir na Copa Galega de Eduro.

 

A proba rematará no punto de inicio, no Pavillón Álvaro Pino, sobre as tres da tarde coa entrega de trofeos e uns pinchos.