Ponteareas abre, un ano máis, as Escolas Deportivas de Verán

Un ano máis Ponteareas contará durante os meses de xullo e agosto con escolas deportivas gratuítas en diferentes modalidades. Este ano a vila ponteareá contará con taekwondo, wu shu, bádminton, tenis, patinaxe, fútbol sala, baloncesto, billar, e ioga, que se desenvolverán no Pavillón Álvaro Pino, no Colexio Fermín Bouza Brey, na Freixa, no C.A. Sportivo ou no Colexio Ramiro Sabell Mosquera.
O prazo de inscrición estará aberto ata o día 30 de xuño, debendo presentarse a solicitude no Rexistro Municipal. Os interesados poderán obter máis información no Departamento de Deportes.
Benito Márquez, concelleiro de Deportes, mostrou o seu “profundo agradecemento a tódolos clubes e entidades pola súa súa importante colaboración nestas escolas deportivas. Sen eles non sería posible levar a cabo este tipo de actividades, que son totalmente gratuítas tanto para os rapaces como para o Concello”.
“A idea destas escolas é dar a coñecer ás rapazas e rapaces da nosa vila aqueles deportes minorizados que non son moi coñecidos e aos que moitas veces non se lle da a importancia que realmente teñen. O obxectivo principal é que os máis cativos poidan probar varias modalidades deportivas e que poidan ver cal dos deportes é o que máis lle gusta. E é que o panorama deportivo en Ponteareas é moi amplo e é algo que dende as institucións debemos poñer en valor”.

FICHA DE INSCRICIÓN ESCOLAS 2017