Pasarrúas, animación, lanzamento de globos e moita música en Ponteareas no arranque das festas de San Miguel

Pasarrúas, animación, lanzamento de globos e moita música en Ponteareas no arranque das festas de San Miguel

 

Grande acollida dos concertos do grupo América e de Tanxugueiras, que esgotaron rapidamente todas as entradas

 

Ponteareas celebra as festas de San Miguel con actividades para todos os gustos e toda a familia con animación e moita música na vila durante toda a semana. A primeira cita será o mércores 29 de setembro cos xigantes e cabezudos, que percorrerán as rúas do centro urbano acompañados do Grupo Folclórico Naiama a partir das 11.30 horas. Tras eles, e como xa é tradición nas festas, os globos de San Miguel encherán o ceo ponteareán ás 13.30 horas. O Concello agradece o intenso traballo que cada ano realizan todas as persoas implicadas na confección destes delicados globos lanzados cada ano coa colaboración de Enrique González, veciño de Covas, e tan cheos de simbolismo.

 

A programación festiva continuará pola tarde con animación de rúa ás 17.00 horas e co concerto da Banda de Música A Unión de Guláns na Praza Fernández Vega ás 19.00 h. A interpretación de clásicos do rock, pop e heavy metal de todos os tempos a mans do grupo América a partir das 21.00 h no aparcadoiro da Avenida Castelao porá o broche de ouro á xornada.

 

O xoves 30 de setembro o gran protagonista será Tanxugueiras, un grupo de folk galego que se perfila como favorito dos fans de Eurovisión para representar a España na vindeira edición do certame. A súa canción, ‘Figa’, foi a máis votada entre unha listaxe de 100 propostas feita por Eurovisión-Spain e composta por todo tipo de artistas consagrados e emerxentes. Un potencial escénico e unha autenticidade que abren a posibilidade de levar unha canción nunha das linguas oficiais do estado por primeira vez na historia.

 

Dende o Concello agradécese a grande acollida da programación das festas de San Miguel deste ano, coas entradas das actuacións de América e Tanxugueiras esgotadas en apenas unhas horas. Saliéntase ademais a gran calidade dos espectáculos, de balde e pensados para todos os públicos, e anímase a todas as persoas a gozar das diferentes actividades previstas para estes días.

 

A programación das festas continuará o venres 1 de outubro, sábado 2 e domingo 3 con diferentes actividades para todas as idades.