As obras da Segunda fase do saneamento da parroquia de Bugarín, en Ponteareas, seguen a bo ritmo.

obras bugarínO concelleiro de Servizos Comúns, Jesús Manuel Cao Vila, xunto co edil de Vías e Obras, Alberto Novoa Iglesias, visitaron as obras de saneamento de Bugarín, II Fase, onde puideron constatar que estes traballos van a un moi bo ritmo.

A execución destas obras, incluídas no “Plan de obras e servizos da Deputación de Pontevedra para o ano 2013” supuxeron un investimento de 115.683,69 euros e vén ampliar a infraestrutura de saneamento na parroquia de Bugarín, dando servizo a máis de 44 vivendas adicionais. Estas obras, en conxunto coas das fases xa existente, e coas da próxima Fase III, darán servizo a un número aproximado de vivendas superior a 103, podendo integrarse estas á rede de colectores existentes. As obras desta Fase II, xunto coas da Fase III, significarán un investimento total de 250.778,28 euros destinados á ampliación da rede de saneamento de Bugarín.

As obras desta Fase II discorreron na parte alta da parroquia de Bugarín, situada ao leste da estrada PO-254, Ponteareas- Mondariz e consistiron na apertura de gabias, a construción de pozos de rexistro, colocación de tuberías e construcción do colector sur da rede de saneamento de augas fecais e pluviais, cunha lonxitude aproximada de 900 metros lineais, colocándose tuberías de PVC con diámetros que van desde os 200 aos 315 milímetros. Así mesmo, aínda que non estaba contemplado no proxecto, foi necesaria a execución dunha perforación, tipo “topo”, por debaixo da estrada que comunica Ponteareas con Mondariz, coa finalidade de unir a parte alta de Bugarín coa parte baixa onde, ao final do seu percorrido, despois de atravesar a citada estrada polo paso subterráneo existente, verterá as súas augas ao colector xa existente que desemboca na actual minidepuradora de Bugarín.

O goberno ponteareán amósase moi satisfeito pola boa marcha das obras desta Fase II e, tal como está proxectado, seguirase co proxecto de saneamento das parroquias ponteareás, como xa aconteceu con Xinzo, Arnoso, Areas ou neste momento Prado e Bugarín. Así mesmo, infórmase que todas as persoas interesadas no enganche á citada rede de saneamento, deben dirixirse á Concellería de Servizos Comúns, onde recibirán a información e o asesoramento necesario.