O programa Cultura24 volve ás parroquias

O programa Cultura24 volve ás parroquiasSerá o sábado 26 en Celeiros coa actuación da A.C. Os Muíños de Oliveira

 

A Concellaría de Cultura continúa a levar actividades ás diferentes parroquias do municipio ao abeiro do Cultura24, un programa posto en marcha “para achegar a actividade cultural ás vinte e catro parroquias que compoñen o concello ponteareán”, como salienta o edil responsábel, Fernando Groba. Todas as actuación do programa son de balde.

 

Esta fin de semana, a programación centrarase no eido musical con dous concertos para todos os públicos. O primeiro será o sábado 26 de xuño coa actuación da A.C. Os Muíños de Oliveira no torreiro parroquial de Celeiros a partir das 20.00 horas.

 

Dada a situación excepcional, o Concello decidiu que as agrupacións musicais ponteareás (bandas de música, grupos folclóricos, corais, grupos de teatro….) sexan as protagonistas das actividades ofertadas ao abeiro do Cultura24 “como medio de promoción da súa arte, para potenciar o seu funcionamento e contribuír ao seu mantemento”.

 

Estas actividades culturais celébranse nas fins de semana e preferibelmente ao aire libre para cumprir con maior seguridade con todas as medidas sanitarias de prevención da COVID-19. A programación do Cultura24 arrancou este xuño e continuará a desenvolverse ata o vindeiro mes de outubro.