O Pleno de Ponteareas de mañá 19 de xullo debate os regulamentos de Vivendas de Emerxencia Social e de Protocolo, Honras e Distincións

O Goberno tamén leva a Pleno a aprobación dun convenio urbanístico coa Comunidade de Montes Veciñais de Xinzo

Ademais tratará a modificación das ordenanzas reguladoras das taxas da Escola de Música e da Escola Infantil

A sesión ordinaria do pleno da Corporación Municipal terá lugar mañá 19 de xullo ás 20.00 horas . Entre os temas máis relevantes a tratar polos edís das diferentes forzas políticas con representación está a aprobación do convenio urbanístico a asinar coa Comunidade de Montes Veciñais en Man Común para a execución do Plan Especial sobre os terreos no entorno do Centro Cultural Xinzo, xa contemplado no Plan Xeral de Ordenación Municipal aprobado recentemente. Esta actuación permitirá ao Concello mellorar os terreos propiedade da Comunidade de Montes Veciñais para uso público.

Despois, trataranse as modificacións das ordenanzas reguladoras da taxa para a prestación do servizo da Escola de Música municipal “Vila do Corpus” e do prezo público da taxa da Escola Infantil municipal, esta última para adecuala á normativa das escolas da Xunta de Galicia.

O concelleiro de Servizos de Sociais, Manuel Troncoso, propón a aprobación definitiva da ordenanza reguladora das Axudas á Emerxencia Social, tras concluír o proceso de alegacións e propor a desestimación da única presentada. Amais, esta área  de Servizos Sociais presenta proposta de regulamento de Vivendas de Emerxencia Social, xa consensuada no Consello Sectorial Social

Outra das propostas consensuadas pola maioría dos grupos políticos é o regulamento de Protocolo, Cerimonial, Honras e Distincións do Concello de Ponteareas.

Tras as propostas do goberno haberá tempo para as mocións presentadas polas diferentes forzas políticas representadas no Pleno.  EU-Son presenta mocións sobre medidas contra os despexos e contra a lei “mordaza” de protección da Seguridade Cidadá. O BNG, pola súa beira, presenta unha iniciativa para recuperación da memoria histórica e de condena da ditadura franquista.

O PP, na outra beira, presenta, entre outras, unha moción de reprobación ao Concelleiro delegado de Comercio e Hostalería e outra para a constitución urxente dunha comisión de estudo e traballo, formada por todos os grupos políticos, comerciantes, hostaleiros e residentes das rúas Oriente, Esperanza e Praza Maior ao respecto da peonalización da zona.