O humor abre o telón das festas de setembro

Os humoristas Marcos Pereiro e Federico Pérez  abrirán as festas de setembro este venres día 6 ás 21:30 na Praza Maior cunha parodia dos dúos musicais que amenizan cada verán milleiros de sesións vermús por Galicia adiante.

Cun órgano ás costas e un par de micros, no espectáculo non faltan grandes éxitos como Galicia, de PimpinelaDous homes y un destino, ou La ventanita del amor, entre tantos outros.

Humor e música mestúranse nun espectáculo que causa auténtica sensación entre os amantes das verbenas e o mundo das orquestras, e que tanto enche unha festa como serve como animación para calquera bar ou local.

Federico Pérez

Ninguén pregunta por Fede, senón por Josito, porque media Galicia pensa que se chama así. O éxito de Padre Casares, un dos proxectos televisivos cos que saltou á fama, situou a este lingüista de Mazaricos nunha das caras imprescindibles do audiovisual en Galicia. Traballara antes en Libro de FamiliaO show dos TonechosMareas Vivas ou Air Galicia, ademais de en filmes como 18 comidasRetornos ou Mar Adentro. Na actualidade é o protagonista de Era Visto!, unha serie diaria na que dá vida a Moncho.

Sobre as taboas participou en O Florido Pensil e Presidente, e co monólogo Ración de Breogán fixo rir a media Galicia en decenas de teatros e auditorios. Acompañou a Touriñán no espectáculo Curtis e Teixeiro, e con Marcos Pereiro interpreta a un dos membros do dúo cómico – musical Os Tristes. Agora volve ao humor en directo con A Noite do Capador, unha divertida historia que percorrerá os mellores escenarios de Galicia esta temporada.

Todo un camaleón do humor, capaz de meterse coma ninguén en calquera papel tanto para sorprender ao público en directo como para facelo desde a pequena pantalla.

Marcos Pereiro

Marcos é actor desde moi novo: logo de saltar á fama polas súas aparicións televisivas no Luar da Televisión de Galicia, coas Cantareiras de Ardebullo, participou en Terra de Miranda, Air Galicia, Vilamor, Tourilandia, A Casa da Conexa ou Buscando Ardebullo, entre outros tantos formatos e programas.

En directo ven de lanzar o seu propio monólogo, Como ser Armario Empotrado, estreado en 2016. Un desternillante espectáculo que compaxina con actuacións acompañando a Federico Pérez (co dúo musical Os Tristes, unha parodia sobre os conxuntos de sesión vermú), e co clásico espectáculo das Cantareiras de Ardebullo.

Tamén forma parte do elenco do espectáculo teatral O Tolleito, dirixido por Cándido Pazó, que xira por todo o país durante este ano.