Nas xuntanzas definiranse as obras prioritarias

O Goberno municipal de Ponteareas iniciará nos próximos días unha rolda de xuntanzas cos colectivos sociais de cada parroquia, reunións abertas tamén a todas as veciñas e veciños. Antes de cada reunión aproveitarán para visitar aos veciños as zonas nas que é prioritario actuar co obxectivo de fixar as obras a incluír no Plan de Concellos. Nestas reunións o alcalde, Xosé Represas, estará acompañado da primeira tenente de alcalde, María Jesús Garrote, do concelleiro de Servizos Sociais, Manuel Troncoso e doutras concelleiras relacionados coas áreas de actuación en cada caso.

Segundo, Xosé Represas, “as reunións enmárcanse na política de información e transparencia á que se comprometeu este goberno. Damos a cara diante da veciñanza para explicar as nosas decisións e accións, mais tamén para escoitar opinións, ideas e críticas”. Con esta iniciativa o goberno de Ponteareas tamén pretende facilitar a comunicación directa cos veciños de todas as parroquias

Nestas reunións, tamén se dará conta da consecución dos Fondos Europeos de Desenvolvemento Rexional a través da estratexia DUSI e qué proxectos poderán financiarse nos próximos anos con este fondo de 5 millóns de euros. “A pesar da difícil situación” na que aínda está o Concello, o Goberno local entende que se abre unha etapa esperanzadora para Ponteareas, grazas ao traballo que se estivo desenvolvendo nestes dezaoito meses e os obxectivos que se trazarán ata 2019

Nestas reunións o Goberno local aproveitará para informar sobre as axudas da Deputación e outras administracións para o desenvolvemento rural.