O Goberno local afronta novas obras de saneamento nas rúas de Ponteareas

A rúa de Rogelio Groba, e as inmediacións do IES Pedra da Auga terán novas tubaxes de saneamento, con un investimento total aproximado de 67.000 euros, incluidos no Plan de Concellos 2016 da Deputación de Pontevedra

O Goberno local segue co seu plan para repoñer e mellorar a rede de saneamento en diversas rúas do núcleo urbano. A comezo do verán era a rúa da Braña e adxacentes, e nos próximos días serán adxudicadas as obras na rúa de Rogelio Groba e nas inmediacións do IES Pedra da Auga.

As obras teñen diferentes motivacións. No caso da rúa de Rogelio Groba, as vivendas do seu entorno están a ser afectadas por filtracións de augas fecais procedentes do deficiente saneamento existente, en concreto, nos días de choiva intensa, abundantes no inverno galego. Coa obra garantirase un servizo de saneamento ás vivendas en boas condicións, e resolverase un problema sanitario provocado polas filtracións como consecuencia de estar o colector roto.

No referente ás inmediacións do IES Pedra da Auga, a obra solucionará os continuos atascos na arqueta, que provocaban vertidos de augas fecais, e deste xeito, resolverá un problema de índole sanitario. Esta arqueta será substituída por unha nova que teña unha anchura maior.