O goberno defende o labor da Policía e lamenta que ACIP manche a súa imaxe

Temos a mellor Policía da historia de Ponteareas e só precisamos tempo para reforzar o cadro de persoal con novas incorporacións xa en marcha”, sinala Roberto Mera

O goberno local saíu ao paso das críticas do grupo independente ACIP sobre o funcionamento da Policía Local. Desde o goberno lamentan que ACIP “manche a boa imaxe de Ponteareas e da Policía ao afirmar que hai inseguridade cidadá. Facer declaracións deste tipo, faltando ademais á verdade, é unha irresponsabilidade porque só serve para xerar un efecto chamada da delincuencia. A realidade é que mentres outros concellos máis grandes que Ponteareas suprimiron o turno de noite nós mantémolo malia ter escaso persoal”. O executivo local explica que “durante o mes de setembro, de 12 axentes no cadro de persoal, catro estiveron de baixa e outros catro en prácticas na Academia Galega de Seguridade. Dos 5 auxiliares un está de baixa, polo que os efectivos totais dispoñibeis suman 8 para atender tres turnos diarios sete días á semana. O goberno non é responsábel das baixas nin das prácticas e se temos en conta os descansos e as vacacións, a xefatura da Policía e o persoal fai miragres para atender todos os turnos”. Segundo o concelleiro de Mobilidade e Tráfico, Roberto Mera, “aínda que contamos con poucos efectivos, afortunadamente temos a mellor Policía Local, a máis preparada e motivada da historia de Ponteareas, que vela con profesionalidade polo cumprimento das normas de convivencia e pola seguridade”.

O edil nacionalista lamentou que ACIP critique que a Policía Local sancione as infraccións do tráfico e o califique de persecución. “É moi grave que en lugar de animar á veciñanza a respectar as normas de circulación un partido político ataque á Policía por facer o seu traballo e por denunciar aos infractores que circulan a máis velocidade da permitida ou que estacionan indebidamente sobre os lugares reservados para os peóns”. Mera lembrou que o portavoz de ACIP, Juan Carlos González “estivo durante moitos anos ao fronte da Policía. Daquela consentíanse toda clase de infraccións de tráfico e creouse a cultura da impunidade entre os condutores que se saltan as normas. Incluso os políticos desautorizaban aos axentes que impoñían multas e os infractores se crecían ao ver retiradas as sancións e amparadas as súas condutas polos que gobernaban. Iso agora cambiou, os políticos nin poñen nin quitan multas, a Policía fai o seu traballo, teñen o apoio e o respecto do goberno e os infractores saben que en Ponteareas as súas condutas incívicas e insolidarias non teñen cabida”.