O goberno de González Solla foi condenado a abonar 46.000 euros en xuros polo impago das obras da Escola Infantil

Un Xulgado condenou ao Concello en 2009 a abonar 147.000 euros máis os xuros á empresa construtora

O Goberno Municipal fixo públicos hoxe novos datos sobre a ampliación da Escola Infantil no ano 2006. As obras executadas baixo o goberno do alcalde González Solla no centro educativo realizáronse sen a autorización da Xunta ao non cumprir coa normativa vixente para estas instalacións. 

 

Nesas obras o goberno presidido por González Solla gastou un total de 319.000 euros e adaptalas á normativa suporá un novo gasto de 350.000 euros. O goberno municipal explicou hoxe que, revisando os expedientes, se puido comprobar que o goberno do PP e independentes non pagou a totalidade da obra á empresa construtora e esta presentou unha demanda xudicial no ano 2008. En xuño de 2009 o Concello foi condenado a pagar á empresa 147.409,83 euros máis os xuros de demora. Eses xuros, polo retraso en pagar a débeda coa construtora e en cumprir a sentenza, ascenderon a 46.862 euros que foron pagados en 2013. Deste xeito, o total das obras executadas incrementouse de 319.000 euros até máis de 365.000 euros. 

 

O goberno municipal considerou lamentábel que “esta xestión tan nefasta realizada polo anterior goberno teña causado un dano económico grave ao Concello de varios centos de miles de euros. Temos unha obra que non se pode utilizar para a finalidade que foi concebida e reformala agora para poder reabrir as dúas aulas vai supoñer para os ponteareáns un novo gasto de 350.000 euros”. Ademais, o executivo local engadíu que “estes novos datos revelan unha vez máis a morosidade e os pufos do goberno daqueles tempos nos que por non pagar 147.000 euros os ponteareáns tiveron que abonar 46.000 euros máis en xuros arruinando aínda máis ao concello”. O goberno municipal salienta que “actualmente o Concello cumpre puntualmente coas súa obrigas de pagamento logo de termos saneado a economía municipal no anterior mandato”.