O Consello Escolar de Ponteareas pecha o curso escolar con balance positivo

 

A alcaldesa, Cristina Fernández, recoñeceu o bo facer do alumnado e o profesorado durante un ano tan difícil

 

O Consello Escolar de Ponteareas pechou o curso 2020/21 con balance positivo. A alcaldesa, Cristina Fernández, recoñeceu o bo facer do alumnado e o profesorado durante un ano tan difícil, e destacou as actuacións desenvolvidas dende a concellaría de Educación. 

 

Na xuntanza, ademais de analizar todas as actividades desenvolvidas durante o curso, tamén se aproveitou para revisar a nova normativa contra a Covid e iniciar así o curso con total seguridade. 

 

No Consello destacáronse varias actividades realizadas durante o curso pese as dificultades, e que interesa manter no futuro. Entre elas está a Semana das Ciencias, programa de conferencias, seminarios, e exposición de experimentos nos centros educativos, a actividade Mulleres en Acción, organizada entre o Concello e a Deputación, e o proxecto Flores para as Meninas, un traballo de recadación de fondos en cada centro para doar a unha entidade sen ánimo de lucro, este ano foi AFAGA, no que alumnado desenvolveu varios traballos florais expostos o día do Corpus. 

 

Un dos proxectos máis destacados é o Entre Nós, un servizo de atención psicolóxica dirixido ao alumnado con problemas educativos en educación secundaria, no que participan cinco centros escolares, tres institutos e dous centros concertados. Se todo vai conforme o planificado, no vindeiro ano subscribirase un convenio coa FANPO para a contratación directa deste servizo. 

 

No Consello Escolar tamén destacaron a innovadora terapia educativa con cans que se desenvolveu no CEIP Ramiro Sabell Mosquera. Este ano propoñerase a ANPA do colexio un convenio para desenvolver esta actividade co alumnado con necesidades específicas de apoio educativo.

 

Ademais o Concello solicitou a Consellería de Educación que se poida facer cargo da xestión destes dous proxectos con “tan bos resultados” en Ponteareas e noutros municipios que o precisen para vindeiros cursos. 

 

Dende Alcaldía aproveitaron o Consello para anunciar a inversión de máis de 25.000 euros para o mantemento das instalacións e actividades educativas. Fondo que se suma aos 20.000 euros que o Concello destina ás Axudas Municipais para Libros e Material Escolar. Estas bolsas poden ser solicitadas polo alumnado de estudos non obrigatorios e o prazo está aberto ata o próximo 20 de agosto.

 

No próximo curso a Aula Matinal de Ponteareas amplíase ao CEIP Feliciano Barrera de Guláns. Tanto neste centro como no CRA A Picaraña hai pouco alumnado anotado, soamente tres alumnos, pero a intención da Alcaldía é apostar plenamente por dotar de servizos ao rural, dando a oportunidade de que se animen máis familias e estes centros manteñan o número mínimo de alumnado exixible.

 

Na xuntanza tamén se volveu reiterar o deber da Xunta de Galicia de xestionar directamente o comedor escolar do CEIP Fermín Bouza Brey, un servizo que con 70 persoas usuarias, das 90 autorizadas, e acordouse solicitar ao Goberno autonómico  a ampliación das instalación do IES Pedra da Auga. 

 

Por último, celebrouse a declaración de Ponteareas como Cidade Amiga da Infancia por UNICEF. O próximo outono haberá unha entrega oficial deste recoñecemento, xa de xeito presencial.