O Concello licita a construción da rampla peonil, pavimentación e valado da terraza do Centro Cultural de Ribadetea

O Concello de Ponteareas vén de licitar a execución da pavimentación e valado da terraza do Centro Cultural de Ribadetea, así como dunha rampla peonil de acceso á mesma.

As obras foron licitadas cun orzamento total de 43.676,24 euros, ive incluído, e as empresas interesadas dispoñen dun prazo de presentación que rematará o vindeiro 11 de febreiro.

O obxecto desta actuación, segundo indicou o concelleiro e Cultura, Fernando Groba, é “complementar o acceso ao Centro Cultural de Ribadetea mediante unha rampla á fronte da edificación, proporcionando ademais un acceso directo exterior á cafetería e á terraza a través desta pasarela metálica, sen necesidade de acceder ao salón de actos. Isto facilitará tamén a accesibilidade ás persoas con mobilidade reducida”. O edil nacionalista sinalou que tamén se procura “dotar á terraza dunha maior seguridade coa instalación dunha varanda, ademais da súa pavimentación e impermeabilización”.