O Concello informa que a AECT Minho habilitou un rexistro de persoas afectadas polo peche da fronteira con Portugal para reclamar indemnizacións

O formulario pode cumprimentarse online na web smartminho.eu cos datos sobre o tipo de prexuízo sufrido: perdas de tempo, aumento de custes de viaxe ou redución de clientela da outra marxe

Nas primeiras horas de funcionamento xa se rexistraron máis dunha ducia de reclamacións

O Concello de Ponteareas informa á cidadanía de que a AECT Río Minho ten operativo dende hoxe o rexistro de persoas afectadas polo peche da fronteira co fin de proceder á tramitación de posibles indemnizacións. Nas primeiras horas dende a súa posta, sen aínda difusión oficial, o rexistro xa recibiu máis dunha ducia de reclamacións, que se prevé aumenten considerablemente nos vindeiros días.

 

O obxecto deste rexistro é coñecer a casuística de cada unha das persoas afectadas e poñerlle nome e apelidos a unha situación que está a prexudicar a un elevado número de persoas que están a perder tempo e diñeiro diariamente ao non ter todos os pasos da fronteira abertos.

 

“Sabemos que hai moitas persoas afectadas e ata o de agora dirixíanse aos seus concellos, as administracións máis cercanas, para queixarse e saber como actuar. Con esta iniciativa do AECT queremos centralizar as reclamacións nunha ‘oficina de afectadas’ conxunta e traballar co fin de tramitar posibles indemnizacións, xa que entendemos que o territorio do Miño debe ser compensado economicamente pola decisión dos estados de pechar a fronteira e non deixar máis que un paso. Hai un grande impacto que iso está a ter na economía”, explicou o deputado de Cooperación Transfronteiriza e vicedirector do AECT Uxío Benítez.

 

No formulario online (tamén hai a opción de cubrir un PDF) as persoas interesadas deben deixar os seus datos persoais, aclarar se son particulares, empresas ou autónomos, o sector no que traballan (servizos, industria ou comercio), o número de viaxes que debe realizar entre ambos lados da fronteira, o número de quilómetros que percorren habitualmente coa fronteira aberta e coa fronteira pechada. Tamén se solicitan datos sobre os prexuízos padecidos: percorrer máis distancia e gastar máis tempo no traxecto entre a residencia e o lugar de traballo, aumento do custo do desprazamento, redución de clientes da outra marxe ou impedimento de atravesar a fronteira. http://smartminho.eu/rexistro-de-persoas-afectadas-polo-peche-da-fronteira/

 

Todos estes prexuízos que xa foron constatados polo estudo socioeconómico elaborado polo profesor Xavier Cobas da Universidade de Vigo, no que se puña de manifesto o dano que o peche da fronteira engade á situación da pandemia na economía miñota. As perdas de facturación cifráronse en máis de 92 millóns de euros só nos sectores de hostalería e comercio a consecuencia do primeiro confinamento e o peche da fronteira entre Pontevedra e Portugal na primeira vaga da pandemia, entre o 17 de marzo e o 30 de xuño do pasado ano. “Para este novo peche de fronteiras -lembrou Benítez- prevese que ‘Efecto Fronteira’ sexa maior, xa que hai máis actividade económica aberta”.

 

Benítez lembrou que o AECT presentará alegacións ao programa operativo POCTEP 2021-2027 que está en fase de exposición pública para que se garanta que os fondos se destinen ás zonas de raia e se creen partidas específicas para a zona do Miño. Tamén se prevé aprobar unha moción sobre este tema nos 26 concellos para reivindicar ante todas as institucións tanto a apertura inmediata dos pasos como as compensacións económicas polo peche.