O Concello felicita ao Club Natación Ponteareas polos resultados acadados no Campionato de España infantil


Iria Lemos proclamouse campioa de España

O Concelleiro de Deportes en funcións, Miguel Bouzó, trasladou a felicitación do goberno ponteareán ao Club Natación Ponteareas, tras obter uns grandes resultados no Campionato de España de inverno na categoría infantil.

A nadadora Iria Lemos proclamouse en Málaga campioa de España nos 100 metros libres, cunha marca de 58.55. Ademais, a ponteareá acadou o bronce nos 100 metros bolboreta, con 1:05.59, e nos 200 metros libres, con 2:07.69.

Pola súa parte, Sofía Carballo logrou o bronce nos 100 metros braza, cunha marca de 1:12.97 e nos 200 metros braza, con 2:34.60.

Os resultados de ambas nadadoras, que representaron ao CN Ponteareas xunto a Rosette Otero, lograron que o club ponteareán dirixido por Andrés Carrera obtivese o terceiro posto por equipos na categoría feminina, na que competiron máis de 70 formacións.

O concelleiro de Deportes expresou a súa satisfacción polo novo éxito do club, que sitúa a Ponteareas unha vez máis como referente no ámbito deportivo grazas ao traballo e esforzo das nosas deportistas e dos seus clubs. “Lograr unha praza nos campionatos de España xa é un éxito, pero facelo con estes grandes resultados é un auténtico orgullo que ten que servir de motivación para todas as persoas que forman parte deste club, así como para a práctica da actividade deportiva por parte de todos e todas as mozas ponteareás”, sinalou Bouzó.