O Concello de Ponteareas inviste 40.000 euros en subvencións de apoio á Cultura destinadas aos centros e casas culturais do municipio

casa cultural Moreira
A Xunta de Goberno Local do Concello de Ponteareas vén de aprobar as Bases de subvencións de apoia á cultura, destinadas aos centros e casas culturais do Concello de Ponteareas.

O obxecto desta liña de subvencións é colaborar cos gastos de funcionamento e mantemento dos mencionados centros ou casas, así como fomentar, impulsar e apoiar as actividades culturais e musicais que estes desenvolven dentro do seu ámbito de actuación.
Poderán solicitar estas axudas as asociacións sen ánimo de lucro e legalmente constituídas dos centros e casas culturais do municipio de Ponteareas. Os beneficiarios destas subvencións contarán cunha partida económica inicial fixa, e igual para todos, por importe de 400 euros para gastos xerais como limpeza, enerxía eléctrica, ou calquera outro gasto, e cunha partida económica variable en función dunha serie de parámetros, como pode ser o número de socios ou o gasto en actividades culturais que desenvolven, entre outros.

Todos aqueles interesados poderán solicitar a subvención a través do modelo normalizado que se lles facilitará no Departamento de Cultura do Concello de Ponteareas, ou na páxina web do concello, xunto coa documentación precisa, e presentaranse no Rexistro Xeral de Entrada do Concello de Ponteareas, dentro do prazo de 30 días naturais, contados a partir do día seguinte ao da publicación das citadas bases de subvencións no Boletín Oficial da Provincia de Pontevedra.

O alcalde, Salvador González Solla, cumpre así o compromiso manifestado ás distintas asociacións culturais para axudar a financiar os gastos dos centros e casas culturais, así como as actividades culturais que desenvolven. Así mesmo, cómpre destacar que o Concello de Ponteareas, desde hai xa dous anos, ten posto en marcha outras liñas de axudas que abarcan un plan de accións formativas nos centros e casas culturais, así como o Plan Cultural, ambos cunha dotación orzamentaria que supera os 22.000 euros e que, xunto con estas novas subvencións de apoio á Cultura, veñen supoñer un total de 62.000 euros. Así pois, o Concello de Ponteareas, ademais de apostar pola construción de centros e casas culturais onde se poidan reunir os veciños e desenvolver as súas actividades, dótaos de accións formativas, ademais de dinamizar estes centros a través das 33 agrupacións do Concello de Ponteareas que poden solicitar estes e entre as que podemos salientar as bandas de música, orquestras de cámara, bandas de gaitas, grupos de gaitas, grupos folclóricos, pandeireteiras, grupos de teatro, grupos de playback, charangas, grupos rock, grupos de metais, madeira, corda, etc.