O Concello de Ponteareas intensificou durante o ano 2014 o Servizo de Limpeza Viaria

foto limpeza viaria1Durante o ano 2014, o Concello de Ponteareas a través da empresa concesionaria do servizo de limpeza, FCC, intensificou os traballos de  limpeza viaria que se prestan diariamente para conseguir unha vila máis limpa. Ademais dos varridos habituais das rúas, das limpezas especiais en festividades e da limpeza de parques e xardíns, realizáronse tamén numerosas intervencións nas explanadas das festas en diversas parroquias, en pistas para acontecementos deportivos, etc, así como tamén se acometeron traballos de limpeza mediante equipos con auga a presión, en gran parte das beirarrúas do casco urbano para a eliminación de verdíns ou manchas de grasa etc. Ademais, procedeuse tamén á limpeza das pintadas realizadas en edificios municipais e nos colectores de residuos, froito de condutas vandálicas.

Coa finalidade de conseguir un municipio globalmente máis limpo, tanto o casco urbano como as parroquias, acometéronse traballos de limpeza de 15 vertedoiros incontrolados en determinados puntos, localizados sobre todo no rural, para conseguir que en ningún espazo se poidan tirar residuos, así como se intensificou durante o pasado ano a elaboración de informes sobre as incidencias que se puideron producir neste aspecto e igualmente se achegaron datos para buscar as persoas responsables destes vertidos incontrolados, procedéndose tamén á colocación de sinais de prohibición naquelas zonas máis conflictivas.

O Concello de Ponteareas quere felicitar á cidadanía posto que sen a súa implicación non sería posible conseguir unha vila cada vez máis limpa pero, ao mesmo tempo, solicita unha maior concienciación e colaboración da poboación para axudar a manter limpas as vías públicas, parques e xardíns, así como para intentar acabar cos vertidos incontrolados que se producen a cotío en determinadas zonas que, ademais de afear o lugar, supoñen un risco de contaminación ambiental que hai que, entre todos, erradicar.