O Concello de Ponteareas concede ás traídas veciñais de auga 150.000 euros en axudas

O Concello de Ponteareas concedeu 150.000 euros en axudas ás traídas veciñais da localidade. Así o anunciou o Alcalde Xosé Represas quen salientou a importancia destes colectivos “que se encargan desinteresadamente de asegurar un servizo básico e de calidade para a poboación como é o abastecemento de auga”.

Represas lembrou que “con esta concesión dase continuidade a un apoio que iniciamos o ano pasado e que se manterá durante todo este mandato”. O alcalde explicou que “deste xeito consolidamos unha convocatoria de subvencións transparente e equitativa para as traidas veciñais e deixamos atrás os tempos de mendigar axudas no despacho do alcalde. Temos un compromiso absoluto coa xente que presta un servizo tan importante para a veciñanza”.

Un total de 13 comunidades de 11 parroquias son as beneficiarias deste reparto co cal se cubre até o 80% do investimento e até un máximo de 18.000 euros en obras a realizar polas traídas nas súas parroquias durante este ano. Na convocatoria deste ano presentáronse 34 solicitudes e, segundo Represas, “as peticións que non puideron ser atendidas terán prioridade na convocatoria que se abrirá en xaneiro de 2020”.

O Alcalde amosouse satisfeito pola actual etapa de colaboración e traballo conxunto coas traidas veciñais. “O noso obxectivo é que nestes catro anos non haxa nin unha soa vivenda sen abastecemento de auga en Ponteareas e para logralo é fundamental apoiar ás traidas veciñais”, recalcou Represas.