O Concello de Ponteareas aproba definitivamente os seus orzamentos  para 2022, que consolidan os grandes investimentos e os servizos públicos

 

Déronselle luz verde este venres en pleno extraordinario

 

Ponteareas aproba a súa ordenanza de mobilidade e utilización do espazo públicoO Concello de Ponteareas aprobou este venres en pleno extraordinario os seus orzamentos para a anualidade 2022, unhas contas que alcanzan unha cifra próxima aos 19 millóns de euros que “permitirán consolidar os grandes proxectos e investimentos polos que a veciñanza levaba anos agardando e que no goberno municipal do BNG-PSOE puxemos en marcha cun grande esforzo para sanear economicamente o Concello e lograr así a transformación de Ponteareas”.

 

Tras a desestimación das tres alegacións presentadas aos orzamentos, como indicaban os informes técnicos, o pleno deu luz verde ás novas contas para este ano por maioría, con 12 votos a favor e 9 en contra. Con esta aprobación Ponteareas poderá consolidar a “normalidade” no desenvolvemento económico do Concello e contar cuns orzamentos anuais que permitan atender con solvencia todos os servizos básicos, reforzar os servizos públicos e levar adiante novos investimentos sen poñer en risco a situación financeira.

 

Nesta sesión plenaria extraordinaria, o Concello aprobou tamén por maioría unha modificación puntual da Relación de Postos de Traballo que permitirá actualizar o cadro de persoal para adaptalo á realidade das distintas áreas e poder mellorar os servizos á veciñanza. A proposta contou con 12 votos a favor, catro en contra e cinco abstencións.

 

Por outra banda, o pleno deu luz verde tamén á revisión de prezos sobre o contrato de concesión para a xestión indirecta do servizo de recollida de transporte de refugallos sólidos urbanos, da xestión do punto limpo municipal e da limpeza da vía pública.