O Concello conclúe as obras de rehabilitación da Casa Cultural de Arnoso

A reforma consistiu na mellora da eficiencia enerxética e da accesibilidade e na modificación da distribución interior do edificio.A alcaldesa en funcións de Ponteareas, Cristina Fdez. Davila, vén de facer entrega das chaves da Casa Cultural de Arnoso á asociación veciñal encargada da súa xestión, unha vez concluídas as obras de rehabilitación e mellora do edificio nas que o goberno local investiu máis de 100.000 euros dos fondos que lle corresponden a Ponteareas a través do Plan Concellos.

Davila sinalou que “con este investimento logramos a impermeabilización do edificio, solucionando os problemas de filtracións de auga ao interior tras realizar o illamento térmico e colocar un sistema de recollida de augas perimetrais. Así mesmo, substituíuse a carpintería exterior para completar a mellora na eficiencia enerxética”.

A alcaldesa nacionalista explicou que, ademais, “a modificación da distribución interior do edificio permite distintos usos para esta instalación cun mellor aproveitamento do espazo”.

A superficie de entrada pechouse para acoller un vestíbulo interior calefactado que servirá tamén de sala de reunións, contando cunha porta que permite illala do resto da estrutura. O almacén converteuse nun baño adaptado ao que se pode acceder dende calquera sala do interior ou directamente dende o exterior, e o bar conta con armarios como zona de almacenaxe organizada.

Co obxectivo de acadar a accesibilidade universal do edificio, interviuse tamén nos seu accesos exteriores, construíndo unha nova rampla e modificando as escaleiras existentes. O edificio conta agora con dúas entradas independentes.

A alcaldesa en funcións lembrou que, ademais, “o Concello adquiriu a única finca sen edificar situada xunto á Casa Cultural actual, co obxectivo de ampliar as instalacións para que o edificio poida contar no futuro cun salón de actos”. 

Cristina Fdez. Davila manifestou que se trata dunhas actuacións “que responden á demanda das veciñas e veciños de Arnoso, e que continúan a liña de compromiso e colaboración do goberno local coas parroquias ponteareás e as súas Casas Culturais, iniciada no 2015”