O alumnado de Ponteareas toma o camiño escolar seguro

O alumnado de Ponteareas toma o camiño escolar seguro

Goberno municipal, escolares e familias percorreron este itinerario que xa permite o desprazamento seguro de máis de 1.500 nenos e nenas  

O alumnado de Ponteareas encheu hoxe o primeiro camiño escolar seguro da vila, un itinerario dalgo máis dun quilómetros que permite cada día a máis de 1.500 nenos e nenas e ás súas familias desprazarse de forma segura ata os centros educativos da contorna, triplicando ademais o espazo dispoñíbel para a veciñanza apostando pola mobilidade sostíbel.

“É moi ilusionante ver esta estrada chea de rapazas e rapaces que exercen o seu dereito a moverse con liberdade e autonomía nun hábitat saudábel, inclusivo, amábel e seguro, facilitándolles a todas e todos experiencias e aprendizaxes propios”, destaca a alcaldesa en funcións, Cristina Fernández.

O Concello investiu na transformación da rúa Trobador Xoán García de Guillade nun espazo público de calidade preto dun millón de euros financiados a través do programa ReacPon concedido ao Concello pola Deputación de Pontevedra, do Plan Concellos e de fondos propios.

Este camiño que leva xa uns días en marcha permite dar resposta a unha petición de toda a comunidade educativa e que, aínda que beneficia especialmente ao alumnado que asiste ao CEIP Ramiro Sabell e aos IES Val do Tea, Pedra da Auga e Barral, está a desfrutar xa toda a veciñanza, que comezou a usar este itinerario para os seus desprazamentos e lecer antes incluso de estar completamente rematado.

Ademais de estar dotado de arborado para xerar zonas de sombra e contribuír á redución da pegada de carbono, este camiño conta con mobiliario urbano como bancos pensados para que as persoas maiores  poidan gozar do espazo e descansar durante os paseos, así como cunha gran cantidade de hortensias recentemente plantadas, as flores máis representativas do Corpus Christi.

Cristina Fernández resaltou a importancia de recuperar para as persoas “un espazo que antes estaba totalmente degradado, con beirarrúas estreitas e sen arborado, converténdoo nunha zona de calidade para o paseo, o desprazamento a pé e a relación social”.